sexta-feira, 30 de outubro de 2009

Nel Vidal: Queremos


Para subscribir, este artigo do presidente da CTNL

Queremos que desde o goberno galego se deixen dunha vez por todas de sementar prexuízos lingüísticos baseados en falsidades como a da imposición lingüística. Queremos...

...unha radio e televisión públicas que apoien decididamente o proceso de normalización da lingua galega en todos os ámbitos. Queremos que a CRTVG cumpra a súa misión estatutaria primordial de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso do galego.

Queremos que haxa a garantía de que calquera persoa poida ser atendida en galego na administración. Queremos que as e os aspirantes a traballadoras/es públicas/os en Galiza teñan que demostrar no proceso selectivo a súa competencia práctica para desenvolver o seu traballo na lingua propia deste país, polo tanto, na lingua na que terán que desenvolver o seu traballo na administración.

Queremos software público en galego. Queremos a tradución pública á nosa lingua do software libre e a súa difusión e distribución. Queremos Mancomún.

Queremos que a Xunta lle dedique os recursos económicos necesarios ao proceso de normalización da lingua galega. Queremos que non haxa recortes nos orzamentos para a política lingüística.

Queremos o apoio decidido á creación, difusión e promoción dos produtos e servizos culturais en galego. Queremos Cultur.gal.

Queremos que a música en galego de todos os estilos ocupe espazos primordiais da programación da canle principal da Radio Galega e tamén da televisión pública. Queremos abertos por reformas, extrarradios e lumes na palleira.

Queremos que se respecten os nomes propios das nosas institucións, entidades, consellarías, organismos, concellos, etc.

Queremos poder ler na nosa lingua obras literarias tamén estranxeiras. Queremos, tamén este ano, axudas públicas á tradución.

Queremos que nas escolas infantís as nenas e os nenos poidan xogar e ir aprendendo en galego. Queremos darlles aos nosos fillos e fillas esa oportunidade. Queremos galescolas. Queremos que se retome o programa piloto de liñas de educación infantil en galego fixado no PXNLG e que en anos anteriores tivo unha gran demanda.

Queremos apoio decidido á creación cultural galega; á literatura, ao audiovisual, á música, á comunicación, á cultura tradicional, ás artes escénicas, etc. Queremos premios nacionais da cultura galega.

Queremos escoitar os cargos públicos falar na lingua propia do país e das institucións que representan. Queremos que no exercicio das súas funcións as conselleiras e os conselleiros e demais cargos públicos se expresen normalmente en galego, tanto por escrito como oralmente.

Queremos que o galego non sexa visto desde os poderes públicos como un atranco.

Queremos cinema en galego. Queremos que, cando menos, se siga actualizando e difundindo Foclos.tv, o cineclub do audiovisual galego na rede.

Queremos que se respecten e que non se poñan en dúbida os únicos nomes lexítimos dos nosos lugares, aldeas, parroquias, vilas, concellos e cidades.

Queremos o cumprimento estrito do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo e do resto de lexislación vixente.

Queremos que desde as administracións públicas non se financien entidades que teñen como obxectivo a redución do uso –e prestixio– do galego.

Queremos a volta do Partido Popular ao consenso que supuxo o aprobado por unanimidade Plan xeral de normalización da lingua galega, pois os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos. Queremos que non haxa nin un só paso atrás. Queremos que os poderes públicos cumpran coa súa obriga e responsabilidade de apoiar o proceso de normalización da lingua galega.

... E os bebés non saben ler subtítulos. Si, tamén queremos Teletubbies en galego.

Queremos respecto...

Queremos Galego!

A Coordinadora Galega de ENDL denuncia o recorte dos recursos destinados ao fomento da lingua galega nos centros de ensino


A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) denuncia o recorte drástico das partidas destinadas ao fomento do uso da lingua galega no ensino non universitario no borrador de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2010. A CGENDL considera que a redución dun 20% nos proxectos de dinamización e normalización lingüística pon en perigo o desenvolvemento de actividades que teñen como obxectivo desenvolver a competencia lingüística do alumnado e valorar o idioma entre a comunidade e afectará negativamente á proxección pública dos centros escolares e á súa programación extraescolar e cultural.


De se aprobaren estes orzamentos, as programacións desenvolvidas ao longo do curso polos ENDL en colexios e institutos veranse fortemente resentidas e este recorte obrigará á supresión de actividades como a edición de xornais escolares, cursos de alfabetización nas novas tecnoloxías e nos medios audiovisuais, obradoiros de teatro e expresión oral, proxectos de dinamización da lingua no eido local, programas educativos interescolares, etc. Estas iniciativas procuran a mellora das diferentes destrezas lingüísticas do alumnado e mesmo do profesorado e as familias.

A CGENDL sinala que esta medida se suma a outras igualmente preocupantes:

1. o retraso da convocatoria anual das axudas ao fomento do idioma no ensino, que ao se adiar ata xaneiro, no canto de setembro, paralizan de facto a actividade dos equipos.
2. a supresión dos seminarios de formación en dinamización lingüística orientados ao persoal docente, que estiveron cubrindo nos últimos anos a demanda de formación dos profesionais do ámbito.

Na opinión da CGENDL, estas decisións interrompen unha dinámica de apoio á dinamización lingüística nos centros educativos, feito que prexudica a formación do alumnado, destinatario principal das actividades que realizan os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

Reaccións desde O Castelo da Lúa

terça-feira, 20 de outubro de 2009

Descobren unha nova modalidade xornalística

A entrevista-interrogatorio policial.
Mira ti onde, con quen e para que. Nun medio público, pagado por todos e en entredito, con quen escribe ao mesmo tempo que o actual marco normativo para a lingua supón unha imposición da inmersión (!) e coa intención de intentar fender a sensatez en materia lingüística.


segunda-feira, 19 de outubro de 2009

A causa do galego, canción para cantar todos os días

A histórica, por masiva e plural, manifestación en defensa dos dereitos consensuados para a lingua galega deste 18 de outubro en Santiago de Compostela, está a xerar tamén multitude de documentos na rede, como recolle Vieiros, por exemplo, ademais das fotogalerías dos distintos xornais. Precisamente, Blogues pola lingua fixo un chamamento para compartir material gráfico na web 2.0
Entre todas esas mostras do apoio social a unha política lingüística non devastadora, escollemos aquí dúas, ambas esteadas na voz erguida de Manuel María.

Declaracións de Xurxo Souto:


Mini e Mero interpretan a Manuel María na Quintana:

Mini e Mero na Manifestación de "Queremos Galego!" por Queremos Galego en Vimeo.



Continuemos o canto!

quinta-feira, 8 de outubro de 2009

Mobilización cidadá ante as agresións á lingua

O desmantelamento en materia lingüística e os conseguintes recortes nos nosos dereitos producidos tras o cambio de goberno na Xunta motivaron a creación de diferentes e complementarias plataformas cidadás a prol da defensa e promoción da lingua galega. É o caso de Queremos Galego, constituída por múltiples entidades sociais e persoas a título persoal, e que parte destas tres premisas básicas:
  • a lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas deben protexela e promocionala
  • a normalización lingüística debe ser progresiva, polo que as institucións públicas non deben desprotexer o galego nin reducir a súa presenza
  • os acordos asinados por unanimidade só poden ser substituídos por acordos nos que a unanimidade siga sendo o criterio; neste sentido, logrouse no seu momento un consenso decisivo que está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado no Parlamento en 2004, e na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001

Esta plataforma convoca unha manifestación para o vindeiro domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela.

Recentemente presentouse Prolingua, que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación. Esixe, ademais, que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística e que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega. Velaquí a súa presentación:



Desde Prolingua podemos acceder tamén a un conxunto de artigos e entrevistas na prensa moi recomendábeis.
Así mesmo, achegan opinións e creacións de interese para comprender a situación actual e esta mobilización cidadá cada vez máis ampla blogues como Falantes ou Galego. Patrimonio da humanidade.