segunda-feira, 15 de março de 2010

O anteproxecto do decreto afonda nos prexuízos cara ao galego

O novo decreto non garantirá o equilibrio efectivo entre as dúas linguas oficiais no ensino e desprotexe o galego, especialmente na etapa de infantil.

O avance do anteproxecto relega a promoción da lingua galega ás actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.



A Coordinadora Galega de ENDL valora negativamente que o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo non desenvolva os preceptos da Lei de Normalización Lingüística (LNL) como si facían os decretos anteriores. Así, unha lexislación que debería desenvolver a LNL, creada para protexer a lingua propia de Galicia que está en situación de desequilibrio social respecto do castelán, ponlle límites á súa normalización no ensino: por un lado, establece máximos na distribución horaria para o galego cando nunca se cumpriron os mínimos marcados nos Decretos 247/1995 e 124/2007; e, por outro lado, afonda nos prexuízos cara a unha lingua que está en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber posto que impide que sexa a lingua vehicular para as materias do ámbito científico-tecnolóxico.

Ademais, a Cgendl recalca que non vai garantir o equilibrio entre as linguas oficiais en ningunha das etapas educativas, por iso critica que na ESO se impartan en castelán as materias de Matemáticas, Física e Química e mais Tecnoloxía, con máis presenza horaria que o resto. E denuncia que se discrimine entre materias importantes e de segunda, unha terminoloxía allea ao ensino obrigatorio. Fixando a lingua nas materias consideradas de primeira, a Consellería demostra o seu descoñecemento do proceso pedagóxico e desprestixia socialmente unha serie de materias e a formación e o traballo de milleiros de docentes.

Así mesmo, lamenta que o ensino infantil do galego quede totalmente desprotexido, ao que engade que o pretendido equilibrio entre a dúas linguas non se recolle por ningún lado. Dende a perspectiva pedagóxica, chama a atención que se dea un trato individualizado aos alumnos da lingua non predominante nunha etapa, como a infantil, que se basea nun enfoque integrador das diferenzas.

Finalmente, lamenta profundamente que se traslade a responsabilidade na toma de decisións ás familias e aos centros educativos. Neste sentido, a coordinadora explica que o avance do anteproxecto relega a promoción do galego a actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.

Fonte
Documento da CGENDL
Declaración de Prolingua
Postura da CIG-Ensino
Carta aberta a don Anxo Lorenzo (Xabier P. Docampo)
Versión íntegra do decreto

Sem comentários: