sábado, 22 de maio de 2010

Eu, tamén en galego



Esta Coordinadora acaba de presentar a campaña Eu, tamén en galego, difundida a través de carteis e protagonizada por veciños e veciñas do Barbanza cunha traxectoria profesional e social recoñecida.
Todas estas persoas, representantes de moi distintos ámbitos e traballos (un mariño mercante, unha traballadora social, un xuíz, unha pasteleira...), animan ao uso normal, desprexuizado, da lingua. O galego séntalle ben a todo o mundo, Eu tamén poño copas en galego ou Non se pode cuestionar, falar galego é natural, son algunhas das mensaxes que acompañan as súas imaxes.





Na Voz de Galicia.

Unha campaña que conecta coa da Coordinadora Galega Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego, que non para de enriquecerse. Entre as últimas achegas, esta peza orgullosa de Aid:

quinta-feira, 20 de maio de 2010

A cidadanía burlada e a Lei de Normalización ameazada

O Consello da Xunta aprobou o Decreto de Plurilingüismo tres día despois da macromanifestación a prol da lingua, tras xogar cun pacto imposíbel, sen facer público o texto definitivo e advertindo de que mutilará a Lei de Normalización Lingüística.
A versión oficial, obscena.

Ante isto, Queremos Galego considera que a Xunta actúa con prepotencia na súa imposición unilateral do Decretazo e lamenta que Núñez Feijóo se manteña sen escoitar o clamor social contra a súa política galegófoba. "Debería escoitar os sindicatos, as asociacións de nais e pais, as organizacións estudantís, o Consello da Cultura, a Real Academia Galega e o Consello Consultivo”, subliñan, pois “esta política de ataques contra o galego e de confrontación social non pode levar a nada bo para ninguén”.
Desde Queremos Galego sinalan que as liñas xerais sinaladas esta mañá polo presidente da Xunta para o decretazo “conculcan a Constitución, o Estatuto, a Carta europea das linguas e a Lei de normalización lingüística”. “Se alguén o dubida, só ten que ler o informe elaborado polo Consello Consultivo, que desautoriza punto por punto todos os piares do decretazo contra o galego”, observan.
Como exemplo, na plataforma citan un fragmento do relatorio xurídico onde o Consultivo lembra que “a acción normalizadora da lingua propia ten que implicar, necesariamente, a adopción de accións e medidas de apoio singularizado ou reforzado para garantir a subsistencia e desenvolvemento desta lingua”, algo do que “carece totalmente o decretazo contra o galego”.

A Mesa, pola súa parte, tamén lamenta que o PP queira mudar unilateralmente a Lei de normalización lingüística e lembra que o decretazo presentado hoxe conculca a Constitución e o Estatuto.
A Mesa considera “moi preocupante” que o presidente da Xunta, “en lugar de avanzar no camiño do diálogo e do consenso, botase esta mañá aínda máis leña ao lume, propondo a aprobación unilateral dunha nova norma que derrogue o estabelecido na Lei de normalización lingüística sobre promoción do galego no ensino”. O presidente da entidade advirte de que “derrogar a Lei de normalización, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento en 1983, significaría romper un dos piares da Autonomía”.
Carlos Callón considera “máis que lamentábel” que o presidente da Xunta “continúe na tónica de mentir e crispar”. “Calquera persoa que lea o informe do Consello Consultivo verá que non só rexeita a pseudoconsulta en infantil, senón que bota por terra todos e cada un dos alicerces do decretazo” e avalía que “as liñas xerais que presentou hoxe o presidente da Xunta conculcan a Constitución e o Estatuto, porque con esa formulación é inviábel garantir que os rapaces e as rapazas finalicen cada etapa educativa con destrezas comunicativas tamén en galego”.
O presidente da Mesa tamén sinalou que “aínda que o decretazo fala dun 50% de materias sinaladas para impartir en castelán e 50% para impartir en galego, a verdade é que o peso horario desas materias en español é superior, polo que non hai equilibrio nin desde ese punto de vista”. Ademais, lembrou que “Galiza é a única comunidade do Estado español na que se quere prohibir por decreto que se poidan impartir algunhas materias na lingua propia, algo que non acontece nin tan sequera noutros lugares onde goberna o PP”.
“O PP quere ignorar o demoledor informe do Consello Consultivo en aspectos centrais, como a obriga constitucional e estatutaria de promover a lingua propia, polo que este decretazo nace xuridicamente morto”, conclúe.

sexta-feira, 14 de maio de 2010

Do Courel a Compostela




Contundente ditame do Consello Consultivo ante o Decreto

O Consello Consultivo considera o Decreto para o plurilingüismo no seu ditame “contrario ao ordenamento xurídico". Esta postura súmase ás desautorizacións (desoídas pola administración) da Mesa Sectorial do Ensino, do Consello Escolar de Galicia, do Consello da Cultura, da Real Academia e das Universidades, entre outras entidades de referencia.

Velaquí algúns fragmentos significativos:

Someter a configuración dun dereito fundamental a votación, con deixación da función de programación xeral do ensino que compete aos poderes públicos, infrinxe os devanditos preceptos constitucionais. (...) Xustamente, porque é responsabilidade das administracións educativas a realización dunha adecuada programación do ensino, e por constituír a dita tarefa unha garantía básica do dereito á educación, é polo que resulta indispoñible, irrenunciable e indelegable tal responsabilidade, en virtude do cal constitucionalmente non é admisible que a programación do ensino quede, total ou parcialmente, a disposición da vontade exclusiva dos particulares, neste caso, das familias.(...) En definitiva, no noso ordenamento non ten acollida un modelo como o proposto, no que a responsabilidade da elección do idioma no ensino, ou a distribución das materias troncais entre os dous idiomas, galego e castelán, recaia, sequera en parte, nas familias, con abdicación da responsabilidade educativa que o artigo 27 da CE atribúe aos poderes públicos, de xeito que a proxectada regulación se sitúa, no aspecto que nos ocupa, fóra do edificio organizativo que para a programación educativa deseña a referida Lei orgánica.
A atribución de ata un terzo como máximo á impartición de materias en lingua estranxeira pode supoñer un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística sobre a normalización da lingua galega no ensino e da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, que establece que unha parte substancial da educación se faga na lingua minoritaria (…)

Hase dicir que os principios de elaboración dunha norma regulamentaria, como é un decreto, non poden ser outros ca os da Lei que esta desenvolve, e que no caso que nos atopamos se refiren á Lei de normalización lingüística de Galicia. A formulación contida neste apartado 1, ao referirse unicamente á "adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais", deixa fóra do seu enunciado esa mentada expresión realizada de seguido na exposición de motivos da Lei sobre "asegurar a normalización do galego", ademais de principios contidos nos preceptos concretos da Lei respecto do ensino (artigos 12, 13 e 14) como un dos eidos de procura da tal normalización;(...) Doutra banda, utilízase a palabra "semellante" no canto de "en igualdade", sendo así que non significan o mesmo, e non se formula na perspectiva na que o fai a lei, que é a de que nunha evidente situación de desigualdade entre as linguas se promova que a máis atrasada alcance o nivel da máis adiantada.

Considérase que ese número 1 do artigo devén legalmente insuficiente, ao tratar de formular principios como base para a interpretación axeitada dos concretos preceptos desta norma regulamentaria, que está desenvolvendo outra de superior rango, polo que debe facelo coa maior fidelidade posible a ela. Por conseguinte, debería reformularse, nos termos xa indicados, ou sexa, recollendo os principios sinalados a respecto diso na Lei de normalización: "asegurar a normalización do galego"; "promover o uso progresivo do galego no ensino"; e que "ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade ca castelán". (…) Utilízase no texto o termo "equilibrio", senda mellor empregar o termo de uso xeral "igualdade", que permite saber ao xurista de que se está realmente a falar; isto é, que no caso do principio de igualdade saiban tratar da mesma maneira as situacións iguais e de xeito diferenciado as desiguais; e isto precisamente para tentar de lograr ao final un resultado de igualdade para estas.


Alén diso, o voto particular de GONZALO DE LA HUERGA fai fincapé no carácter contrario á lei da atribución ao galego de topes máximos, non de final a conseguir, senón de medios a empregar (horas e materias), confundindo medios e fins, co que se impide a pontenciación do galego para acadar a igualdade; tamén se subliñan as graves consecuencias da concesión ao alumnado da potestade de non usar como vehicular a lingua na que se está a impartir a materia.

O ditame completo
Análise n'A Nosa Terra

quinta-feira, 13 de maio de 2010

O que vai supoñer o decreto

Publicación da Coordinadora Galega de ENDL

[presentación emerxente se deixas que cargue o blogue ao completo]

O Consello Consultivo observa dúbidas de legalidade no Decreto "do Plurilingüismo"


O ditame do Consello Consultivo sobre o decreto do plurilingüismo no ensino, que a Xunta pretende que entre en vigor o próximo curso 2010-2011, observa 'dúbidas de legalidade' e chega a expor puntos de posíbel 'ilegalidade' en que, a través de consultas, se lle traslade aos pais a potestade de elixir a lingua en que se imparten determinadas materias.

Segundo informaron a Europa Press fontes coñecedoras do ditame, o documento elaborado polo Consultivo está formado por "dúas partes", unha delas "bastante dura" que se refire a aspectos de "ilegalidade" e unha segunda parte na que se indican "algúns elementos de reforma a considerar" e que achega suxestións que pretenden mellorar o texto, pero moitas están centradas en cuestións menores.

Segundo as fontes consultadas sobre o ditame, que o órgano consultivo lle remitiu onte á Xunta, o seu pronunciamiento é "duro" respecto da consulta vinculante aos pais, que poderían cambiar a asignación lingüística estabelecida por decreto a condición de que o decidisen a metade máis un do censo de familias con alumnos en idade escolar.

Pola súa banda, o ditame inclúe dous votos particulares, un dos cales se pronuncia a favor da legalidade do decreto e outro que vai máis aló das críticas do propio texto e que reproba o precepto de que os alumnos poderán expresarse na lingua da súa preferencia no aula. Este aspecto foi un dos que xerou polémica sobre o proxecto de decreto presentado pola Xunta.

Elección das familias

A primeira parte do texto incide "na capacidade de elección por parte dos pais" e considera "que non se pode trasladar esa responsabilidade" ás familias, "nin delegar" cuestións que afectan a servizos básicos como "o dereito á educación", polo que advirte aspectos de "ilegalidade".

Precisamente, o borrador de decreto prevé que a Xunta realizará cada catro anos unha consulta ás familias dos alumnos que cursan primaria e secundaria, a través da cal poderán opinar sobre a asignación lingüística establecida pola norma para as materias troncais, co que poderían modificar a atribución no caso de que o decida "a maioría" do total de pais.

A Consellaría non atende a razóns

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, ratificou que a Xunta mantén 'o mesmo calendario' para o decreto do galego, de forma que entrará en vigor o próximo curso 2010-2011, aínda que analiza elementos 'susceptíbeis' de incorporar do ditame do Consello Consultivo.

Lorenzo indicou que avalían "a recomendacións e observacións" do Consello Consultivo "para incorporalas ou telas en conta na redacción do decreto do plurilingüismo que publicará o Goberno". No entanto, descartou que o pronunciamento do órgano consultivo de Galiza provoque algún atraso no decreto e ratificouse en que estará "vixente en setembro".

En calquera caso, Lorenzo aprazou calquera pronunciamento porque a Xunta adoptará unha decisión "nos próximos días" e evitou avaliar os puntos de ilegalidade aos que alude o ditame do citado órgano. En todo caso, afirmou que "é unha valoración por parte do Consello Consultivo que está para iso, para facer unha valoración xurídica".


Fonte
Máis información, na páxina da CTNL.

A forza do amor en días de chuvia

A marcha e concerto do Correlingua do Barbanza, o punto culminante dun proceso sociocreativo coa lingua, non puido contar -por mor do tempo chuvioso- máis que co alumnado de Secundaria. Así e todo, en Rianxo viviuse a festa do galego.



Da Biblio Fernando Blanco


O Diario de Arousa recolleuno así:

Estivo a piques de non celebrarse por mor da adversa meteoroloxía, pero ao final o Correlingua do Barbanza en Rianxo desenvolveuse o programa previsto unicamente para os arredor de oitocentos alumnos dos centros de Educación Secundaria da comarca. A forza do amor polo galego ou o feito de que o galego sexa a forza do noso amor fixo que os escolares saíran a correr -ou camiñar- polas rúas rianxeiras máis senlleiras, nalgunhas das cales se sitúan as casas de escritores ilustres como Castelao, Rafael Dieste ou Manuel Antonio ou que levan o seu nome.
Botouse en falta a implicación e a nota de cor que sempre lle dan os máis cativos a este tipo de festas, neste caso a prol da defensa da lingua, cos traballos, murais, pancartas e debuxos que fan nas xornadas previas e que exhiben con orgullo durante a carreira e tamén mentres presencian as diversas actuacións. Pero, foron os directores e mestres dos centro de Educación Infantil e Primaria os que decidiron que, finalmente, os 2.100 nenos dos seus centros non saíran cara a praza Castelao.
Minutos antes de iniciarse a carreira de dous kilómetros desde a dita praza cara á de Rafael Dieste, Tanxil, Xogo dos Bolos, Fincheira, Arcos Moldes e Rosalía de Castro e regreso ao punto de partida polo Campo de Arriba, caeu un chuvieiro. Os rapaces e mestres buscaron onde refuxiarse, aínda que non había moito espazo para iso. Foi entón, cando un hostaleiro despregou a carpa da súa terraza para permitir que moitos deles non se mollasen.
Durante a hora e media seguinte asistiron nun principio á actuación dos reguefeiros Pinto e Caruncho, que non deixaron títere con cabeza meténdose primeiro entre eles e logo con todo aquel que estaba pola Praza de Castelao. De feito, a un dos alumnos sacoulle parecido co presidente norteamericano, Barak Obama, máis que nada pola cor da pel.
Entre medias, Lidia González, María Losada e Carlos Pérez, alumnos do instituto anfitrión, o Félix Muriel de Rianxo, encargáronse de ler un manifesto en defensa a lingua galega en nome do “equipo do Correlingua” cunha mensaxe moi dura cara aos lexisladores, como que pretenden facernos regresar á Ditadura. Non faltaron ás críticas ao presidente da Xunta, que “co seu decretazo pretende facernos memos vendéndonos trilingüismo para evitar o galego”. Engadiron que “o xogo non será nada fácil, os adversarios son traidores, pero temos xuventude, somos moitos, somos fortes, xogamos no noso campo e temos como adestradores a Pondal, a Rosalía, a Daniel e Airas Nunes”.

Imaxes, na Tabarra Dixital.

domingo, 9 de maio de 2010

Correlingua no Barbanza. Este curso o evento será en Rianxo.

Este será o percorrido:
CORRELINGUA
Data: Luns 10 de maio, 2010
Lema: “Galego: a forza do noso amor”
Horarios
10:00-10:15 Hora de ir chegando. Os autobuses aparcan na explanada do peirao.
Os da ESO van colgar as pancartas á praza de Castealo e despois diríxense á praza de Rafael Dieste.(Praza da igrexa)
10:15 Os de Primaria e Infantil van para a PRAZA DE CASTELAO e a esta hora empeza a actuación de Pinto e Caruncho para EP e EI no palco da praza Castelao.
11:00 ESO sae para a carreira desde a PRAZA DE RAFAEL DIESTE
11:10 E. Infantil sae para a carreira desde a PRAZA DE CASTELAO
11:15 E. Primaria sae para a carreira desde a PRAZA DE CASTELAO
E.I. e E.P. colocan as pancartas cando cheguen da carreira á praza Castelao. (Tamén temos a posibilidade de que colguen as pancartas antes de saír para a carreira).
11:45 Lectura do manifesto na praza Castelao (todos)
12:00 Actuación de Pinto e Caruncho para a ESO na praza de Rafael Dieste
12:00 Actuación de Fantoche Baj para Infantil e Primaria na praza Castelao
13:00 Actuación do Cantalingua para ESO na praza R.Dieste
Colocación das pancartas:
ESO : Cando cheguen, colocarían a pancarta na praza Castelao e despois irían para a praza de Rafael Dieste para prepararse para a saída da carreira.
EI e EP: cando cheguen da carreira á praza Castelao.
Colócanse nunha rede, utilizando pinzas, no muro que divide o campo de abaixo do campo de arriba.
Percorridos:
ESO : Saen da praza de Rafael Dieste (Praza da Igrexa) hacia Tanxil – xogo dos bolos – Fincheira - Arcos Moldes – Rosalía de Castro – Praza de Castelao.
E.Primaria: Saen da Praza de Castelao - Rúa de abaixo - Praza de R.Dieste - Consistorio Vello – Praciña - A fonte - Río de Sima – Lavadoiro - O Adro - Rúa de Arriba - Rúa do Medio - Rúa de Abaixo e Praza de Castelao.
E. Infantil: Saen da Praza de Castelao - Rúa de abaixo - Rúa do Medio - Rúa de arriba - Rúa do medio outra vez – Praza de Castelao.

Para mirar os mapas: Bico da Ría

La voz de Galicia.
Correlingua.

sábado, 1 de maio de 2010

NOTA DE PRENSA DO CEIP DE AGUIÑO:


O Consello Escolar do Colexio Público de Aguiño, onde está representada toda a Comunidade Educativa: Equipo Directivo, profesorado e familias, denuncia que, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, este curso suprimiunos a maior parte da axuda que recibíamos para potenciar o uso e valoración do galego a través de distintas actividades. Concretamente baixaron a axuda de 2500 euros a 833 euros, o que implica tan so unha media de 4 euros por alumno/a frente ós 12.5 euros dos que gozábamos en cursos pasados. O recorte de gastos en Educación afecta á calidade dos distintos procesos de ensino-aprendizaxe do noso alumnado. Este recorte xunto co Decreto do Plurilingüísmo é outra das actuacións da Consellería en contra da potenciación da nosa lingua. Esta medida deixa ó Colexio Público de Aguiño nunha situación de precariedade no ámbito lingüístico.

A Voz de Galicia.


Certo.

Galicia Hoxe.

A Xunta de Galicia discrimina cun 35% menos aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da Comarca do Barbanza



Na concesión de axudas para o ano 2010 o goberno galego deixa os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da Comarca do Barbanza cun 35% menos de orzamento que o ano pasado.

A pasada semana fíxose pública a concesión de axudas para o desenvolvemeto de actividades nos centros públicos por parte dos Equipos de normalización e Dinamización Lingüística galegos polo que a Coordinadora de ENDL do Barbanza quere manifestar o seguinte:

1.Parécenos totalmente inadecuado que se concedan estas axudas no mes de abril, cando quedan apenas dous meses para o remate do curso, o que provocou que a actividade dos ENDL estivese practicamente paralizada durante todo o curso.
2.Se a reducción da contía das axudas (nun 20%) xa era o suficientemente importante, constatamos como se discrimina aínda máis aos ENDL da comarca do Barbanza que reciben axudas dun 35% menos. Estas cantidades farán que se impida a relización de actividades de carácter cultural e lingüísico, que se deixen de editar materiais, revistas etc que tiñan unha longa traxectoria nos nosos centros e excepcional recepción entre o alumnado e as familias.
3.Tendo en conta os dous puntos anteriores, consideramos que se está prexudicar gravemente o ensino público e, polo tanto, que se está a deteriorar dunha maneira evidente a calidade do ensino.
4.Desde a Coordinadora de ENDL facemos un chamamento ao diálogo e á negociación para evitar que a Consellería non continúe por este camiño de discriminación do ensino público porque prexudicar os nenos e nenas é prexudicar o futuro da nosa sociedade.
(Engadimos noutro documento unha táboa comparativa onde poden ver as cantidades concedidas aos ENDL do Barbanza, segundo os datos oficiais da Consellería de Educación)
Información axudas 2009.
Información axudas 2010.

segunda-feira, 22 de março de 2010

Vicent Miralles: 'A inmersión é o único que garante o bilingüismo'

Vicent Miralles Martí é profesor do Departament de Didàctica de la Llengua i la Literatura da Universitat de Valencia, na que ocupou a Dirección do Servei de Normalització Lingüística. Ademais de traballar na Escola de Magisteri, é membro da Mesa per l'Ensenyament, unha plataforma a prol do valenciano. Defensor da inmersión –'que vén sendo o mesmo que se aplica nos colexios bilingües español-inglés, onde ninguén protesta'– rexeita o anteproxecto do decreto que reduce o uso do galego no ensino. Miralles explica nesta entrevista o emprego da lingua na educación nun país que 'apoia plenamente que se impartan materias como Bioloxía Molecular en valenciano'.

[...]os negacionistas rexeitan a inmersión...

A inmersión é unha palabra asociada a termos negativos. Os negacionistas vincúlana coa imposición. Porén, a sociedade valenciá apenas emprega esta falacia, xa que se decatan de que os pais e nais reclaman a inmersión. Realmente, é o mesmo modelo que se aplica nos coñecidos como colexios bilingües que abundan en Madrid. Nestes centros, ben sexa coa dicotomía francés-español, inglés-español, úsase a inmersión e ninguén protesta. A inmersión é simplemente un sistema de facilidade para que os nenos e nenas activen a competencia en varias linguas, máis nada. Con todo, cando este modelo se aplica aos distintos idiomas que existen no Estado español dáselle a volta ao concepto e cárgase de prexuízos que non teñen razón de ser.

Coa súa experiencia no ensino valenciano, como ve anteproxecto de decreto que vén de presentar a Xunta e que reduce o uso do galego?

A pesar de que por motivos persoais visito Galiza con frecuencia, non deixo de ser un “forasteiro”. Con todo, vexo este decreto con preocupación, xa que o galego partía dunha moi boa situación e foi perdendo posicións respecto ao español. Paréceme que o PP está a xogar en Galiza ao que xogou en Valencia cos tres terzos en galego, español e inglés. Alí quixeron impartir Educación á Cidadanía en inglés co obxectivo de que ningún rapaz entendese nada nas clases.

Que lectura fai dos cambios que prevé introducir o PP con esta nova norma?

En primeiro lugar, haberá moitos nenos que até os seis anos non terán ningún tipo de contacto co galego. Na educación infantil perderase un espazo de ouro para activar as competencias lingüísticas dos cativos nas dúas linguas. En segundo lugar, considero que a participación dos pais é un erro e unha grande irresponsabilidade por parte do Goberno, xa que suporá un grave conflito entre as familias. E as culpas non van recaer sobre os políticos, senón sobre as costas da lingua galega, que se vai ver desprestixiada. Por último, a determinación das materias en galego e castelán non me parece inocente. O PP está a vincular o español co progreso e co avance ao ser a lingua vehicular de Matemáticas, Física, Química... Pola contra, pretende usar o galego só para tratar os aspectos propios do país e do antigo, ao ser a lingua na que se impartirá a Historia, Coñecemento do Medio...

Fala de conflito en relación ao idioma...

A conflitivización da lingua é algo preocupante. Nós vivímolo hai 20 anos, pero estamos en camiño de corrixilo. Con este novo decreto, o Goberno obvia que o obxectivo do sistema educativo debe ser que os escolares sexan competentes nas dúas linguas, e para isto cómpre primar o galego. Se os nenos que viven en contornos castelanfalantes non atopan o seu propio idioma no ensino, onde o van atopar? As linguas non se adquiren por arte de maxia e é a escola o ámbito natural para aprendelas. Tanto na Comunitat Valenciana como en Euskadi advertimos que unicamente eran bilingües os falantes da lingua minoritaria e grazas á inmersión agora tamén comezan a ser bilingües os que falan a lingua maioritaria.

A entrevista enteira n'A Nosa Terra.
Crédito da imaxe

segunda-feira, 15 de março de 2010

O anteproxecto do decreto afonda nos prexuízos cara ao galego

O novo decreto non garantirá o equilibrio efectivo entre as dúas linguas oficiais no ensino e desprotexe o galego, especialmente na etapa de infantil.

O avance do anteproxecto relega a promoción da lingua galega ás actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.



A Coordinadora Galega de ENDL valora negativamente que o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo non desenvolva os preceptos da Lei de Normalización Lingüística (LNL) como si facían os decretos anteriores. Así, unha lexislación que debería desenvolver a LNL, creada para protexer a lingua propia de Galicia que está en situación de desequilibrio social respecto do castelán, ponlle límites á súa normalización no ensino: por un lado, establece máximos na distribución horaria para o galego cando nunca se cumpriron os mínimos marcados nos Decretos 247/1995 e 124/2007; e, por outro lado, afonda nos prexuízos cara a unha lingua que está en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber posto que impide que sexa a lingua vehicular para as materias do ámbito científico-tecnolóxico.

Ademais, a Cgendl recalca que non vai garantir o equilibrio entre as linguas oficiais en ningunha das etapas educativas, por iso critica que na ESO se impartan en castelán as materias de Matemáticas, Física e Química e mais Tecnoloxía, con máis presenza horaria que o resto. E denuncia que se discrimine entre materias importantes e de segunda, unha terminoloxía allea ao ensino obrigatorio. Fixando a lingua nas materias consideradas de primeira, a Consellería demostra o seu descoñecemento do proceso pedagóxico e desprestixia socialmente unha serie de materias e a formación e o traballo de milleiros de docentes.

Así mesmo, lamenta que o ensino infantil do galego quede totalmente desprotexido, ao que engade que o pretendido equilibrio entre a dúas linguas non se recolle por ningún lado. Dende a perspectiva pedagóxica, chama a atención que se dea un trato individualizado aos alumnos da lingua non predominante nunha etapa, como a infantil, que se basea nun enfoque integrador das diferenzas.

Finalmente, lamenta profundamente que se traslade a responsabilidade na toma de decisións ás familias e aos centros educativos. Neste sentido, a coordinadora explica que o avance do anteproxecto relega a promoción do galego a actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.

Fonte
Documento da CGENDL
Declaración de Prolingua
Postura da CIG-Ensino
Carta aberta a don Anxo Lorenzo (Xabier P. Docampo)
Versión íntegra do decreto

domingo, 14 de março de 2010

Estudante rianxeira en Madrid, orgullosa de ser galega e de falar galego

Patricia Neira, ex-alumna do IES Félix Muriel, estuda Fisioterapia en Madrid e ten unhas notas brillantes. Ela relata como o galego non lle supuxo ningún problema nos seus estudos fóra de Galicia, todo o contrario. Escoitádea!

Fonte: O castelo da lúa

quinta-feira, 25 de fevereiro de 2010

O orgúllo espállase



Unha nova campaña da Coordinadora de Equipos de Normalización, na que interveñen figuras con proxección como Martín Rivas ou Luís Tosar, está a colleitar un éxito sen precedentes. O vídeo Orgullos@s do galego achégase, catro días despois do seu lanzamento, ás 18.000 reproducións no Youtube e máis de 1000 visualizacións directas en Vimeo, que non contabiliza as reproducións embebidas noutros sitios na rede. Tamén está a ter un seguimento importante nas redes sociais con case 2000 seareiros nun grupo en Facebook e máis de 5000 mozos e mozas que participan nun evento no Tuenti.
Alén deste impacto mediático, trátase dunha campaña social: aberta á participación de toda a comunidade educativa, pon á nosa disposición diferentes materiais para imprimir e distribuír, e ademais calquera pode achegar os seus propios.

Esta campaña é túa, esta campaña é de todos e de todas. Colabora connosco e grava un spot, unha breve historia, unha declaración... mostrando o teu orgullo polo noso, o teu orgullo polo galego. Que non sabes como expresalo? A creatividade está dentro de ti. Aí tes o lema, os vídeos, a idea... e dálle voltas, faina túa, falade no colexio ou no instituto, cos profes e cos compas... e mostra o teu orgullo polo noso, o teu orgullo polo galego.


Recollida desta boa recepción n'A Nosa Terra.
Noticia da campaña en Certo.

Velaquí a presentación:




quinta-feira, 11 de fevereiro de 2010

A comunidade educativa do Barbanza mostra o seu rexeitamento ao Borrador do Decreto



Este mércores, día 10 de febreiro de 2010, a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza celebrou unha rolda de prensa no IES Nº1 de Ribeira, onde contou co presenza de perto de setenta nais/pais, alumnado e profesorado de centros de infantil, primaria e secundaria (tanto do ensino público, como do concertado) de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira.
Na Coordinadora de ENDL do Barbanza indicaron que durante estes últimos meses tiveron multitude de preguntas e queixas polo feito de que desde a Consellería de Educación se quixese facer retroceder a lingua galega no ensino.
Por este motivo a CENDLB quixo que foran directamente os implicados no ensino os que ofreceran o sentir maioritario da comunidade educativa do Barbanza.
No acto interviñeron varios membros de distintos colectivos (ANPAS, alumnado e profesorado) que centraron as súas intervencións nos graves prexuízos contra o galego deste “Borrador” nos seguintes puntos:
-Un retroceso do galego por primeira vez desde que temos democracia, obviando toda a lexislación vixente, incluído o Estatuto de Autonomía que obriga ao goberno galego a protexer e fomentar a nosa lingua.
-O galego non está normalizado, polo tanto está en desigualdade co castelán e só através dunha presenza ampla no ensino (mínimo do 50% das materias) se pode ir cara un maior equilibrio.
-Úsase o introdución do inglés como coartada para facer retroceder o galego, nós non temos nada contra as demais linguas, pero hai outras maneiras de fomentar o plurilingüísmo sen facer retroceder o galego, que a nosa lingua propia e lingua tamén oficial.
-Se se leva a cabo este borrador de decreto, provocará un FRACASO ESCOLAR maior aínda, xa que moitos nenos e nenas non poderán seguir as clases con normalidade
-Ao mesmo tempo provocará moitos conflitos entre familias e docentes, só pola deixación de funcións da administración, que é quen ten que fixar todo o currículo educativo.

Por todo isto, manifestaron unanimemente o rexeitamento da comunidade educativa do Barbanza a este borrador do Decreto e manifestaron o seu desexo de poderen continuar como até agora, pois non tiveran ningún problema coa actual situación.
Imaxes e vídeos do acto:




Así foi recollido o acto por Canal Rías Baixas:





A nova, con máis imaxes, en Certo. Tamén en La Voz de Galicia.

domingo, 7 de fevereiro de 2010

A postura dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística

Os e as representantes dos ENDL que asistiron á Xornada de Formación dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística, neste curso 2009-2010, posicionáronse con esta admirábel claridade:

as aulas e o despacho from SonCine on Vimeo.



E, tras a xornada, fixeron pública esta carta ao Secretario Xeral de Política Lingüística:

Os ENDL galardoados nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística puxeron en coñecemento do Secretario Xeral de Política Lingüística a carta que reproducimos máis abaixo no trascurso das Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, que tiveron lugar no día de onte, sábado 30, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.

Señor secretario xeral de Política Lingüística:

Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar.

Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo).

A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados.

Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe.

Asdo.:

Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010

Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES Porto do Son (Porto do Son).

Argumentos fronte as mentiras

Prolingua vén de presentar, en 70 localidades de todo o mundo e con gran éxito, o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, que nos achega argumentos claros e sólidos para enfrontar as ideas erróneas, prexuizosas, ideoloxizadas e perversas que se difunden para frear o lexítimo proceso de normalización da lingua galega. Para non ficar sen defensas ante os virus das falacias etnocidas, que negan a historia e a evidente desigualdade económica, mediática, social entre o galego e o castelán, que negan os dereitos de todo un pobo.
Velaquí unha síntese realizada pola profesora Pilar Ponte:

terça-feira, 12 de janeiro de 2010

A resposta do ensino e de toda a sociedade



Ante o ataque galegofóbico, antipedagóxico e preconstitucional que supón a proposta, firme, de derrogación do decreto de promoción do galego no ensino, está a ser un clamor a necesidade de dar respostas sociais. Como se mostra nesta ampla recompilación de artigos, análises e posicionamentos, á que cómpre engadir esta contundente opinión de Xavier Vence.
E a primeira desas respostas será a folga xeral do xoves 21. Nunca houbo tantas razóns.



domingo, 10 de janeiro de 2010

Unha primeira análise do borrador do novo decreto.


Primeira análise do borrador do novo decreto pola Coordinadora Galega.

O borrador do Decreto do Plurilingüismo para o ensino non universitario non garante que o alumnado acade a competencia lingüística en lingua galega, tal e como fixa a lexislación educativa, acentuando o desequilibrio social existente entre as dúas linguas oficiais.
A proposta traslada aos centros escolares e ás familias un conflito creado por intereses políticos ao presentar un modelo que non se fundamenta en criterios estritamente pedagóxicos e demostra o descoñecemento da realidade dos centros.
A introdución dun idioma estranxeiro como lingua vehicular do ensino establécese sobre bases erradas e distorsiona unha planificación lingüística rigorosa e eficiente que redunde na formación do noso alumnado.


Desde a Coordinadora Galega de ENDL pensamos que a proposta de decreto que regulará as linguas vehiculares no sistema educativo non garante a liberdade dos pais, non busca o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, non formula correctamente a introdución do terceiro idioma e non vai conseguir ningún “bilingüismo cordial” senón un conflito nos centros escolares e na sociedade.
1- Nós defendemos unha educación igualitaria, tamén na aprendizaxe das dúas linguas oficiais, nas que o alumnado debe acadar unha competencia lingüística plena ao rematar o ensino obrigatorio. Con todo, a lingua galega non está en igualdade de condicións co castelán e a súa presenza é practicamente nula en multitude de ámbitos da sociedade; polo tanto, é na escola onde a poden aprender. Todos os especialistas din que cun ensino de menos do 50% na lingua minorizada é imposible garantir o seu dominio. Polo tanto, este decreto contén unha clara discriminación cara ao galego.

2. Non se pode falar de liberdade de elección con dúas linguas que xogan en divisións moi diferentes. Tampouco se pode falar de liberdade de elección dos pais cando só se vai respectar a decisión dunha parte. Se non vai haber segregación, medida que rexeitamos, como se respecta a suposta liberdade de elección en educación infantil dos que non saian “gañadores”, aínda que sexa un 49%? Ademais, é nesta etapa na que os nenos e nenas aprenden a falar e teñen os seus primeiros contactos coa lingua escrita, e múltiples estudos demostran que nesas idades son capaces de ir asentando as estruturas gramaticais e adquirindo vocabulario das linguas que se lles ensinan. É, logo, o momento de potenciar a aprendizaxe do galego, que se debe ir reforzando despois durante todo o ensino. Só desde o coñecemento das linguas pode haber liberdade para que poidan usar unha ou outra.

3- É un decreto feito desde o descoñecemento da realidade dos centros educativos. Trátase dunha decisión política e non pedagóxica, que non atende ao que din os especialistas en aprendizaxe de linguas e que obvia a problemática que pode supoñer no funcionamento dun centro educativo. As decisións sobre o currículo tenas que tomar a administración, por iso entendemos que é unha irresponsabilidade do goberno que traslade a decisión sobre a lingua vehicular no ensino ás familias e aos centros educativos. Isto só vai crear un conflito que non existía e imposibilita un ensino integrador e igualitario. Este borrador que supostamente busca o “bilingüismo cordial” parte dun problema que non tiñamos nos centros e a súa elaboración xustifícase en falacias, a primeira “a imposición do galego na escola”.

4- A fórmula para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, non oficiais na nosa comunidade, non pode estar supeditada a quitarlle horas ás linguas oficiais, nomeadamente ao galego, que é a que necesita de potenciación. Desde a Coordinadora apostamos polo fortalecemento do ensino de linguas estranxeiras pero tomando as medidas pedagóxicas necesarias e facendo unha planificación seria: reducindo a ratio de alumnado por aula, dotando os centros de aulas de idiomas ben equipadas, aumentando as estadías no estranxeiro para o alumnado e o profesorado, fomentando a súa práctica con lectores nativos, etc. Estas medidas deben ser dirixidas ao conxunto de todo o alumnado posto que o dominio das linguas estranxeiras non pode supeditarse á conxuntura concreta de cada centro. Sería discriminatorio que o nivel de inglés do alumnado dependese da posibilidade de que se puidesen ofertar no seu centro máis ou menos materias en inglés. Ademais, queremos recalcar que os estudos demostran que as comunidades bilingües obteñen mellores resultados que as comunidades monolingües na aprendizaxe das linguas estranxeiras. Polo tanto, o dominio do galego e castelán só tería efectos positivos. A aprendizaxe e a competencia en máis dunha lingua enriquece, porque as linguas suman.

5- Gañar unhas eleccións non lexitima ao goberno para atentar contra o noso patrimonio. A administración ten a obriga de potenciar a lingua propia de Galicia, que se atopa ameazada e non o está cumprindo desde o momento en que se busca limitala no sistema educativo cunha norma que é a máis regresiva de todas as comunidades autónomas con lingua propia. A escola debe buscar un equilibrio para a aprendizaxe das linguas xa que na sociedade non o hai e ese equilibrio pasa por potenciar o galego no sistema educativo.