
Da creatividade (multipremiada) do CEIP Aguiño.









Someter a configuración dun dereito fundamental a votación, con deixación da función de programación xeral do ensino que compete aos poderes públicos, infrinxe os devanditos preceptos constitucionais. (...) Xustamente, porque é responsabilidade das administracións educativas a realización dunha adecuada programación do ensino, e por constituír a dita tarefa unha garantía básica do dereito á educación, é polo que resulta indispoñible, irrenunciable e indelegable tal responsabilidade, en virtude do cal constitucionalmente non é admisible que a programación do ensino quede, total ou parcialmente, a disposición da vontade exclusiva dos particulares, neste caso, das familias.(...) En definitiva, no noso ordenamento non ten acollida un modelo como o proposto, no que a responsabilidade da elección do idioma no ensino, ou a distribución das materias troncais entre os dous idiomas, galego e castelán, recaia, sequera en parte, nas familias, con abdicación da responsabilidade educativa que o artigo 27 da CE atribúe aos poderes públicos, de xeito que a proxectada regulación se sitúa, no aspecto que nos ocupa, fóra do edificio organizativo que para a programación educativa deseña a referida Lei orgánica.
A atribución de ata un terzo como máximo á impartición de materias en lingua estranxeira pode supoñer un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística sobre a normalización da lingua galega no ensino e da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, que establece que unha parte substancial da educación se faga na lingua minoritaria (…)
Hase dicir que os principios de elaboración dunha norma regulamentaria, como é un decreto, non poden ser outros ca os da Lei que esta desenvolve, e que no caso que nos atopamos se refiren á Lei de normalización lingüística de Galicia. A formulación contida neste apartado 1, ao referirse unicamente á "adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais", deixa fóra do seu enunciado esa mentada expresión realizada de seguido na exposición de motivos da Lei sobre "asegurar a normalización do galego", ademais de principios contidos nos preceptos concretos da Lei respecto do ensino (artigos 12, 13 e 14) como un dos eidos de procura da tal normalización;(...) Doutra banda, utilízase a palabra "semellante" no canto de "en igualdade", sendo así que non significan o mesmo, e non se formula na perspectiva na que o fai a lei, que é a de que nunha evidente situación de desigualdade entre as linguas se promova que a máis atrasada alcance o nivel da máis adiantada.
Considérase que ese número 1 do artigo devén legalmente insuficiente, ao tratar de formular principios como base para a interpretación axeitada dos concretos preceptos desta norma regulamentaria, que está desenvolvendo outra de superior rango, polo que debe facelo coa maior fidelidade posible a ela. Por conseguinte, debería reformularse, nos termos xa indicados, ou sexa, recollendo os principios sinalados a respecto diso na Lei de normalización: "asegurar a normalización do galego"; "promover o uso progresivo do galego no ensino"; e que "ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade ca castelán". (…) Utilízase no texto o termo "equilibrio", senda mellor empregar o termo de uso xeral "igualdade", que permite saber ao xurista de que se está realmente a falar; isto é, que no caso do principio de igualdade saiban tratar da mesma maneira as situacións iguais e de xeito diferenciado as desiguais; e isto precisamente para tentar de lograr ao final un resultado de igualdade para estas.



Vicent Miralles Martí é profesor do Departament de Didàctica de la Llengua i la Literatura da Universitat de Valencia, na que ocupou a Dirección do Servei de Normalització Lingüística. Ademais de traballar na Escola de Magisteri, é membro da Mesa per l'Ensenyament, unha plataforma a prol do valenciano. Defensor da inmersión –'que vén sendo o mesmo que se aplica nos colexios bilingües español-inglés, onde ninguén protesta'– rexeita o anteproxecto do decreto que reduce o uso do galego no ensino. Miralles explica nesta entrevista o emprego da lingua na educación nun país que 'apoia plenamente que se impartan materias como Bioloxía Molecular en valenciano'.Esta campaña é túa, esta campaña é de todos e de todas. Colabora connosco e grava un spot, unha breve historia, unha declaración... mostrando o teu orgullo polo noso, o teu orgullo polo galego. Que non sabes como expresalo? A creatividade está dentro de ti. Aí tes o lema, os vídeos, a idea... e dálle voltas, faina túa, falade no colexio ou no instituto, cos profes e cos compas... e mostra o teu orgullo polo noso, o teu orgullo polo galego.
-Un retroceso do galego por primeira vez desde que temos democracia, obviando toda a lexislación vixente, incluído o Estatuto de Autonomía que obriga ao goberno galego a protexer e fomentar a nosa lingua.
-O galego non está normalizado, polo tanto está en desigualdade co castelán e só através dunha presenza ampla no ensino (mínimo do 50% das materias) se pode ir cara un maior equilibrio.
-Úsase o introdución do inglés como coartada para facer retroceder o galego, nós non temos nada contra as demais linguas, pero hai outras maneiras de fomentar o plurilingüísmo sen facer retroceder o galego, que a nosa lingua propia e lingua tamén oficial.
-Se se leva a cabo este borrador de decreto, provocará un FRACASO ESCOLAR maior aínda, xa que moitos nenos e nenas non poderán seguir as clases con normalidade
-Ao mesmo tempo provocará moitos conflitos entre familias e docentes, só pola deixación de funcións da administración, que é quen ten que fixar todo o currículo educativo.
as aulas e o despacho from SonCine on Vimeo.
Os ENDL galardoados nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística puxeron en coñecemento do Secretario Xeral de Política Lingüística a carta que reproducimos máis abaixo no trascurso das Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, que tiveron lugar no día de onte, sábado 30, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.
Señor secretario xeral de Política Lingüística:
Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar.
Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo).
A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados.
Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe.
Asdo.:
Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010
Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES Porto do Son (Porto do Son).