quarta-feira, 16 de Dezembro de 2009

Feliz 2010 para ti, para os teus... para a nosa lingua

Para tod@s, para o futuro, da nosa parte, esta felicitación da Coordinadora Galega:

Wiki de materiais en lingua galega

Acaba de abrirse un espazo colaborativo e aberto a todo o profesorado que intenta darlle resposta a unha necesidade clamorosa: a disposición dun sitio web que faga máis accesíbeis os diversos materiais e recursos de cada unha das áreas didácticas presentes na rede para compartir. Ademais, pretende constituír un punto de encontro no que se refire ás necesidades e usos didácticos, como complemento dos blogues e páxinas docentes.
Iso si, en principio é específico de secundaria, mais pode incorporar outras etapas educativas ou axudar ao nacemento de wikis irmáns. Nós decidimos. Participa!

quinta-feira, 3 de Dezembro de 2009

A CENDLB fai públicos os premios Anticiclón e Borrasca


A nosa Coordinadora vén de outorgar os premios anuais de normalización na comarca. O Anticiclón, concedido á entidade que máis promove o galego, recaeu no Centro Comercial aberto O Deán, d'A Pobra do Caramiñal, polo uso normal e cotiá do galego nas tendas que o conforman. Pola súa parte, o merecedor do Premio Borrasca foi o Centro Comercial Haley (de Ribeira e outras localidades, pertencente ao Grupo GADISA), que obvia case por completo a nosa lingua, tanto na oralidade coma na escrita, empregando ademais o topónimo deturpado.

Pódese acceder aos comunicados dos premios desde o Posterous do xornal Certo.
A nova na Voz.

quarta-feira, 2 de Dezembro de 2009

O CEIP de Aguiño e o IES Félix Muriel recuncan nos premios aos mellores proxectos de normalización lingüística

Veñen de resolverse os premios a proxectos de innovación en normalización lingüística, que convocan a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
Entre os galardoados este ano están de novo o CEIP Aguiño, de Ribeira, por Mar de mulleres asolagadas e, cun accésit, o IES Félix Muriel, de Rianxo, polo traballo Abrindo portas en galego.
O ENDL de Aguiño é tamén o responsábel de que botase a andar o atractivo proxecto Redeiras, un poemario experimental entre centros.
Parabéns a todos os participantes!


null

sábado, 28 de Novembro de 2009

Xandre, o elefante sen sombra.



Xandre, o elefante sen sombra. (No trianguliño que aparece na parte de abaixo podedes escoitalo)
Cousiñas sobre Xandre.

quinta-feira, 19 de Novembro de 2009

Cartas útiles


Na mesma semana na que o Tribunal Supremo rexeitaba que os pais poidan decidir a lingua na que deben ser educados os seus fillos (pois "nin a Constitución nin a Declaración dos Dereitos Humanos facultan os pais para escoller a lingua de estudo dos seus descendentes"), a xustiza española tamén daba mostras de ignorancia e racismo lingüístico ao lle ser retirada a unha viguesa a custodia das súas fillas por motivos lingüísticos. Neste caso, o xuíz entende (!) que sería un prexuízo para elas trasladarse de Madrid a Vigo, onde serían "escolarizadas con inmersión nun sistema escolar en lingua galega (...) que máis alá do ámbito de aquela Comunidade Autónoma, non se apreza que teña outra utilidade práctica".
Diante de flagrantes discriminacións como esta, desde o blogue d'A Mesa da zona de Ourense, chámase ao activismo epistolar, seguindo o magnífico exemplo de Manuel Rivas.

domingo, 15 de Novembro de 2009

Preocupación ante a parálise dos proxectos de fomento do uso da lingua galega nos centros educativos



A Secretaría Xeral de Polìtica Lingüística retrasa a convocatoria de axudas para o curso 2009-2010 ata o vindeiro ano prexudicando seriamente o desenvolvemento das actividades de sensiblización, dinamización e capacitación lingüística no ensino

A Coordinadora Galega de ENDL quere mostrar a preocupación e o malestar que están a expresar os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ante o retraso da convocatoria anual dos Proxectos de Fomento do Uso do Galego nos centros de ensino público e privado.

Precisamente no momento en que os diferentes departamentos didácticos están a elaborar as programacións didácticas que planifican o traballo de todo o curso, a CGENDL constata que desde a DXPL non se van convocar en tempo e forma (a comezos de setembro, como se fixera no curso pasado) as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino. A súa demora imposibilita a organización de actividades encamiñadas a poñer en valor a lingua galega entre a comunidade educativa así como, especialmente, a desenvolver as capacidades lingüísticas do alumnado.

A organización de ligas de debate, de cursos de expresión oral, de grupos de teatro escolar, de certames artísticos, a publicación de revistas e xornais, a realización de programas de radio e televisión, a formación nas novas tecnoloxías, etc. promoven o traballo das habilidades lingüísticas dun modo lúdico e global redundando na mellora de todas as materias e, polo tanto, da calidade do ensino e da formación do noso alumnado. Desde sempre, os ENDL teñen un papel destacado na programación extraescolar e cultural dos centros educativos polo que a interrupción deste labor tamén afectaría negativamente á súa proxección pública e á súa implicación coas familias e o seu contorno máis inmediato.

Esta situación de parálise suporía un retroceso nas políticas de apoio da administración aos ENDL logo de que en anos anteriores se solventasen por primeira vez moitos dos problemas que obstaculizaban o seu labor (convocatorias desaxustadas cos cursos académicos, falta de directrices de traballo para os equipos, etc.). Esta interrupción dunha dinámica de apoio á dinamización lingüística nos centros educativos conduce á desorientación e ao desánimo de todos os que conforman os equipos: aos centos de docentes, membros do persoal administrativo e, sobre todo, de rapaces e rapazas, principais realizadores e receptores das nosas actividades.

Por todo isto, a Coordinadora Galega de ENDL animará aos ENDL a enviar cartas dirixidas ao Conselleiro de Educación para lle requerir que axilice os prazos dunha convocatoria fundamental para realizar o seu labor nos centros públicos e privados de toda Galicia.

Carta ao Conselleiro de Educación-PDF
Vía:Coordinadora Galega de ENDL

sábado, 7 de Novembro de 2009

A nosa Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística finalista dos premios Barbantia.


Barbantia xa ten aos seus finalistas

Dentro de Barbanza ou fóra, pero vencellados á bisbarra, hai nomes que soan a cultura viva, a creación en estado puro. Algúns deles xa foron premiados pola a asociación Barbantia, que está a piques de repartir vos terceiros sirenos de bronce. E outros figuraron entre vos aspirantes a eses galardóns instaurados non 2007. Quizais por iso, porque algúns estiveron entre vos candidatos pero non foron finalmente premiados e porque ou ano pasado as votacións, segundo indicou a entidade, estiveron moi apertadas, decidiuse que as persoas que non 2008 estiveron na terna para ser galardoadas sen finalmente acadar ou premio volvan a figurar entre vos candidatos. A maiores, engádense tres nomes: os de Paola García Paz, ou dá Coordinadora dous Equipos de Normalización Lingüística dá Comarca e ou de Soledad Peralta Lorenzo.
Como ou ano anterior, haberá tres categorías: a de traxectoria cultural non Barbanza, para estimular a labor feita por persoas que centraron a súa obra na comarca; a de iniciativa no Barbanza, pensada para recoñecer ou labor dás entidades barbancesas; e, para rematar, a dá cultura galega, que premia a aquelas persoas nadas na comarca que acadaron prestixio máis aló dás súas fronteiras.
Na primeira sección, na que ou ano pasado se premiou a Manuel Dourado, figuran ou profesor Xoán Mariño Reino, ou músico e compositor Xosé Ramón España, ou mestre e investigador Manuel Mariño do Río e a pintora Paola García Paz. En canto á modalidade que premia ás entidades, cuxo galardón recaeu ou ano pasado non Museo Etnográfico de Artes, este ano compiten ou grupo de teatro Airiños, ou Liceo de Noia, a Casa dá Gramática e a Coordinadora dous Equipos de Normalización Lingüística non Barbanza. Para rematar, en canto ao labor fora dous límites dá bisbarra, que ou ano pasado recoñeceu ou traballo do creador noiés Alfonso Costa, nesta ocasión figuran como candidatos Andrés Torres Queiruga, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Axeitos Agrelo e Soledad Peralta Lorenzo.

Barbantia estalle enviando aos socios as pertinentes cartas informándolles de que ou acto de entrega dúas tres sirenos de bronce terá lugar ou vindeiro venres 27 de novembro non museo Vale-Inclán dá Pobra. Sen embargo, antes desa data, vos socios dá entidade están chamados a votar para que poidan ser elixidos vos tres galardoados. Deberán deixar as súas tarxetas coas súas eleccións non centro social de Boiro antes do día 20 deste mes.
Via: La Voz de Galicia
Páxina da Asociación cultural Barbantia.

domingo, 1 de Novembro de 2009

Ano Novoneyra

Comezamos a recompilar no lateral do noso blogue diferentes recursos sobre Uxío Novoneyra, autor fundamental en homenaxe sempre. Con Uxío, "A forza do noso amor, do noso amor á Terra, do amor ó Pobo, do amor ó propio pobo, do amor á Lingua, de todo o que configura a propia nación, non pode ser inútil".
Galicia, será a miña xeración quen te salve?
Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?
Non, a forza do noso amor non pode ser inutle.


Un par de fragmentos seus musicados:



sexta-feira, 30 de Outubro de 2009

Nel Vidal: Queremos


Para subscribir, este artigo do presidente da CTNL

Queremos que desde o goberno galego se deixen dunha vez por todas de sementar prexuízos lingüísticos baseados en falsidades como a da imposición lingüística. Queremos...

...unha radio e televisión públicas que apoien decididamente o proceso de normalización da lingua galega en todos os ámbitos. Queremos que a CRTVG cumpra a súa misión estatutaria primordial de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso do galego.

Queremos que haxa a garantía de que calquera persoa poida ser atendida en galego na administración. Queremos que as e os aspirantes a traballadoras/es públicas/os en Galiza teñan que demostrar no proceso selectivo a súa competencia práctica para desenvolver o seu traballo na lingua propia deste país, polo tanto, na lingua na que terán que desenvolver o seu traballo na administración.

Queremos software público en galego. Queremos a tradución pública á nosa lingua do software libre e a súa difusión e distribución. Queremos Mancomún.

Queremos que a Xunta lle dedique os recursos económicos necesarios ao proceso de normalización da lingua galega. Queremos que non haxa recortes nos orzamentos para a política lingüística.

Queremos o apoio decidido á creación, difusión e promoción dos produtos e servizos culturais en galego. Queremos Cultur.gal.

Queremos que a música en galego de todos os estilos ocupe espazos primordiais da programación da canle principal da Radio Galega e tamén da televisión pública. Queremos abertos por reformas, extrarradios e lumes na palleira.

Queremos que se respecten os nomes propios das nosas institucións, entidades, consellarías, organismos, concellos, etc.

Queremos poder ler na nosa lingua obras literarias tamén estranxeiras. Queremos, tamén este ano, axudas públicas á tradución.

Queremos que nas escolas infantís as nenas e os nenos poidan xogar e ir aprendendo en galego. Queremos darlles aos nosos fillos e fillas esa oportunidade. Queremos galescolas. Queremos que se retome o programa piloto de liñas de educación infantil en galego fixado no PXNLG e que en anos anteriores tivo unha gran demanda.

Queremos apoio decidido á creación cultural galega; á literatura, ao audiovisual, á música, á comunicación, á cultura tradicional, ás artes escénicas, etc. Queremos premios nacionais da cultura galega.

Queremos escoitar os cargos públicos falar na lingua propia do país e das institucións que representan. Queremos que no exercicio das súas funcións as conselleiras e os conselleiros e demais cargos públicos se expresen normalmente en galego, tanto por escrito como oralmente.

Queremos que o galego non sexa visto desde os poderes públicos como un atranco.

Queremos cinema en galego. Queremos que, cando menos, se siga actualizando e difundindo Foclos.tv, o cineclub do audiovisual galego na rede.

Queremos que se respecten e que non se poñan en dúbida os únicos nomes lexítimos dos nosos lugares, aldeas, parroquias, vilas, concellos e cidades.

Queremos o cumprimento estrito do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo e do resto de lexislación vixente.

Queremos que desde as administracións públicas non se financien entidades que teñen como obxectivo a redución do uso –e prestixio– do galego.

Queremos a volta do Partido Popular ao consenso que supuxo o aprobado por unanimidade Plan xeral de normalización da lingua galega, pois os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos. Queremos que non haxa nin un só paso atrás. Queremos que os poderes públicos cumpran coa súa obriga e responsabilidade de apoiar o proceso de normalización da lingua galega.

... E os bebés non saben ler subtítulos. Si, tamén queremos Teletubbies en galego.

Queremos respecto...

Queremos Galego!

A Coordinadora Galega de ENDL denuncia o recorte dos recursos destinados ao fomento da lingua galega nos centros de ensino


A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) denuncia o recorte drástico das partidas destinadas ao fomento do uso da lingua galega no ensino non universitario no borrador de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2010. A CGENDL considera que a redución dun 20% nos proxectos de dinamización e normalización lingüística pon en perigo o desenvolvemento de actividades que teñen como obxectivo desenvolver a competencia lingüística do alumnado e valorar o idioma entre a comunidade e afectará negativamente á proxección pública dos centros escolares e á súa programación extraescolar e cultural.


De se aprobaren estes orzamentos, as programacións desenvolvidas ao longo do curso polos ENDL en colexios e institutos veranse fortemente resentidas e este recorte obrigará á supresión de actividades como a edición de xornais escolares, cursos de alfabetización nas novas tecnoloxías e nos medios audiovisuais, obradoiros de teatro e expresión oral, proxectos de dinamización da lingua no eido local, programas educativos interescolares, etc. Estas iniciativas procuran a mellora das diferentes destrezas lingüísticas do alumnado e mesmo do profesorado e as familias.

A CGENDL sinala que esta medida se suma a outras igualmente preocupantes:

1. o retraso da convocatoria anual das axudas ao fomento do idioma no ensino, que ao se adiar ata xaneiro, no canto de setembro, paralizan de facto a actividade dos equipos.
2. a supresión dos seminarios de formación en dinamización lingüística orientados ao persoal docente, que estiveron cubrindo nos últimos anos a demanda de formación dos profesionais do ámbito.

Na opinión da CGENDL, estas decisións interrompen unha dinámica de apoio á dinamización lingüística nos centros educativos, feito que prexudica a formación do alumnado, destinatario principal das actividades que realizan os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

Reaccións desde O Castelo da Lúa

terça-feira, 20 de Outubro de 2009

Descobren unha nova modalidade xornalística

A entrevista-interrogatorio policial.
Mira ti onde, con quen e para que. Nun medio público, pagado por todos e en entredito, con quen escribe ao mesmo tempo que o actual marco normativo para a lingua supón unha imposición da inmersión (!) e coa intención de intentar fender a sensatez en materia lingüística.


segunda-feira, 19 de Outubro de 2009

A causa do galego, canción para cantar todos os días

A histórica, por masiva e plural, manifestación en defensa dos dereitos consensuados para a lingua galega deste 18 de outubro en Santiago de Compostela, está a xerar tamén multitude de documentos na rede, como recolle Vieiros, por exemplo, ademais das fotogalerías dos distintos xornais. Precisamente, Blogues pola lingua fixo un chamamento para compartir material gráfico na web 2.0
Entre todas esas mostras do apoio social a unha política lingüística non devastadora, escollemos aquí dúas, ambas esteadas na voz erguida de Manuel María.

Declaracións de Xurxo Souto:


Mini e Mero interpretan a Manuel María na Quintana:

Mini e Mero na Manifestación de "Queremos Galego!" por Queremos Galego en Vimeo.



Continuemos o canto!

quinta-feira, 8 de Outubro de 2009

Mobilización cidadá ante as agresións á lingua

O desmantelamento en materia lingüística e os conseguintes recortes nos nosos dereitos producidos tras o cambio de goberno na Xunta motivaron a creación de diferentes e complementarias plataformas cidadás a prol da defensa e promoción da lingua galega. É o caso de Queremos Galego, constituída por múltiples entidades sociais e persoas a título persoal, e que parte destas tres premisas básicas:
  • a lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas deben protexela e promocionala
  • a normalización lingüística debe ser progresiva, polo que as institucións públicas non deben desprotexer o galego nin reducir a súa presenza
  • os acordos asinados por unanimidade só poden ser substituídos por acordos nos que a unanimidade siga sendo o criterio; neste sentido, logrouse no seu momento un consenso decisivo que está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado no Parlamento en 2004, e na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001

Esta plataforma convoca unha manifestación para o vindeiro domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela.

Recentemente presentouse Prolingua, que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación. Esixe, ademais, que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística e que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega. Velaquí a súa presentación:



Desde Prolingua podemos acceder tamén a un conxunto de artigos e entrevistas na prensa moi recomendábeis.
Así mesmo, achegan opinións e creacións de interese para comprender a situación actual e esta mobilización cidadá cada vez máis ampla blogues como Falantes ou Galego. Patrimonio da humanidade.

quinta-feira, 9 de Julho de 2009

A nosa lingua.

quinta-feira, 25 de Junho de 2009

Educación promete contar cos equipos de normalización no deseño do novo decreto.



Representantes da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística nos centros escolares achegáronlle á Xunta un decálogo "para o consenso".
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística tivo esta cuarta feira unha xuntanza co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, onde lle expresaron a "preocupación" e o "malestar" diante da polémica orixinada arredor da lingua galega no ensino. "Esta polémica é moi negativa para a convivencia nos centros, e polo tanto para a educación en xeral e para a lingua en particular", indican. Ao fío, achegámoslles os dez puntos debatidos pola coordinadora este xoves co conselleiro e en base aos cales os representantes do colectivo solicitaron da Xunta que, como parte "fundamental" do sistema educativo, se lles permita participar na elaboración de "calquera documento que lexisle o uso das linguas no ensino":


1.O marco lexislativo educativo ten que evitar a confrontación na comunidade escolar.

2.O alumnado non pode ser segregado por razón de lingua.

3.Débese garantir a presenza do galego no ensino ao 50% como mínimo para poder acadar a competencia nas dúas linguas cooficiais. Só así o alumnado poderá escoller en liberdade.

4.Téñense que elaborar materiais didácticos, de calidade e actualizados, en lingua galega para todas as materias e todos os ciclos educativos, que suplan as carencias existentes.

5.Hai que ofrecerlle ao profesorado cursos de reciclaxe e capacitación en lingua galega; para isto é imprescindible contar cun programa previo de formación de formadores.

6.Cada centro debe seguir elaborando o seu Proxecto lingüístico, que é a base para que os ENDL desenvolvan as súas funcións unha vez analizada a situación sociolingüística do centro.

7.Decreto de infantil.

A)Nesta etapa débese garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento das dúas linguas oficiais tendo en conta que a lingua minorizada precisa de maior reforzo.


B)Propoñemos que avalíen os resultados das liñas de galego en infantil de cara a manter este programa. Os informes elaborados nestes centros valoran moi positivamente estes proxectos xa que permitiron conseguir que todo o alumnado adquirise a competencia nas dúas linguas oficiais, fose cal fose a lingua inicial dos rapaces e rapazas.

8.Equipos de Normalización e Dinamización.


A)Débense implementar programas de formación en dinamización lingüística para o profesorado interesado.


B)Hai que potenciar as coordinacións intercentros.

C)Téñense que consolidar as funcións das coordinadoras provinciais dependentes da DXPL.


9.A administración debe realizar campañas efectivas de dignificación da lingua, que comecen polo propio goberno da Xunta. A situación do galego é moi delicada, por iso algunhas accións e declaracións realizadas nos últimos tempos cuestionan o labor de recuperación do galego feito ata o momento.


10. Parécenos inadecuado que a enquisa sexa a base dun decreto novo. Esta consulta, tal e como foi realizada, non pode ter ese peso nunha lexislación educativa. En cambio, débense ter en conta conta os diferentes datos sociolingüísticos existentes tirados de estudos elaborados con rigorosidade (MSG, IGE), así como os diferentes Proxectos Sociolingüísticos de Centro realizados nos últimos anos.

Vía: Vieiros

El correo gallego.

Galica Hoxe.

sábado, 13 de Junho de 2009

Sempre en Galiza.

sexta-feira, 12 de Junho de 2009

A Xunta retira o programa de inmersión en galego para nenos de infantil de contornas castelánfalantes.

A Consellería de Educación non convocou a orde de axudas para centros educativos de contornas casteláns falantes que decidan pór en marcha un aula de inmersión en galego na etapa de infantil. Trátase dun programa posto en marcha fai tres anos, e que durante este curso beneficiou a 44 colexios.
Este proxecto experimental que puxo en marcha o bipartito esixe varios requisitos, como son a voluntariedad dos pais (que tiñan que autorizalo), así como o feito de que houbese máis dun aula por curso, para poder escolarizar aos menores cuxos proxenitores non optan por este sistema. Dos 44 centros que participan este curso, 23 son públicos e o resto concertados, e as axudas que reciben oscilan entre os 1.445 euros e os 2.500. Este proxecto comezou no curso 2006-07 en colexios públicos, e no seguinte sumáronse os privados concertados.
Desde a Consellería de Educación explican que non se convoca esta orde de axudas, pero aínda non se tomou a decisión de que facer cos nenos que empezaron xa o programa (é dicir, non haberá axudas para novas aulas, pero está sen definir se as manterán os menores inmersos no proxecto).
Os centros participantes valoran moi positivamente este sistema. Un deles é o María Barbeito, da Coruña. Belén, normalizadora lingüística, asegura que a experiencia está sendo enriquecedora tanto para pais como para alumnos. ela púxose á fronte da primeira aula de inmersión, fai xa tres anos. Naquel momento, había dous nenos gallegohablantes e tres bilingües dun aula de 25. «Agora estamos falando dunha promoción absolutamente bilingüe». Todo isto tendo en conta que hai menores de Colombia, Bolivia, Romanía ou Cataluña, «e precisamente fai pouco, a nai dun alumno boliviano dicía que nunca imaxinou que ou seu fillo tivera tanta soltura falando en galego».
O éxito do proxecto neste colexio tradúcese en que se cando empezou só un aula das tres existentes optou polo ensino en galego, os seguintes anos foron xa dous por curso, o que implica a 125 estudantes de infantil actualmente.
Vía: La Voz de Galicia.

O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua.

O mundo universitario tampouco é alleo á derrogación do decreto. Este mesmo venres, o Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela envioulle unha carta ao presidente da Xunta para manifestarlle a súa fonda preocupación “polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta” referentes á lingua galega.

O texto, aprobado por unanimidade, é abertamente crítico coa actitude do Goberno que “sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun grave proceso de retroceso social”. O profesorado de Filoloxía Galega cuestiona a enquisa que prepara a Consellaría de Educación.

A carta insta ao presidente do Goberno a que, cumprindo a lexislación vixente, tome medidas que “aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de xeito que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004”.

Segundo puido saber Vieiros, os departamentos das outras dúas universidades do país preparan textos similares aos asinados polos seus compañeiros de Compostela que se darán a coñecer a vindeira semana.


Ofrecémoslle o texto íntegro aprobado polo Departamento de Filoloxía Galega da USC:

O Consello de Departamento de Filoloxía Galega da USC acordou, en reunión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2009 na Facultade de Filoloxía, dirixir o seguinte escrito ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, e remitir copias á Excma. Sra. Presidenta do Parlamento galego, ao Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:

O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega, e en particular polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia, encamiñadas a desprotexela na función pública e no ensino non universitario, por primeira vez desde a recuperación da democracia, a pesar de estar obrigada pola Lei de Normalización Lingüística a promover de maneira progresiva o seu uso normal de maneira específica neste ámbitos. Con estas medidas, e coas reiteradas declaracións de membros do goberno galego, estáselle transmitindo á cidadanía a idea de que a lingua galega non é nin necesaria nin útil e estanse a reforzar os vellos prexuízos lingüísticos, o que sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun proceso de grave retroceso social.

No tocante ao ensino non universitario, este Departamento considera que a Xunta de Galicia incorre nunha grave responsabilidade ao trasladarlles aos pais e nais decisións que lles corresponden aos poderes públicos, colocando a lingua galega como motivo de división social e creando un conflito que non existía ata o de agora, ademais de poñer en evidente risco o mandato tanto da Lei de Normalización Lingüística coma da Ley Orgánica de Educación de que os alumnos acaden unha competencia lingüística elevada por igual en galego e en castelán.

De acordo coa lexislación vixente, e conforme co seu carácter de lingua oficial de Galicia (xunto co castelán), instamos a que o goberno da Xunta de Galicia tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan de Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004. Animamos tamén ao goberno da Xunta a que xere un clima positivo cara á lingua galega que atenúe e desfaga os prexuízos que contra ela existen aínda na nosa sociedade, como se puxo abertamente de manifesto nos últimos meses.

A lingua galega é unha riqueza e un patrimonio de todos os galegos, calquera que sexa a lingua que falen, parte fundamental do recoñecemento de Galicia como comunidade histórica, e pode ser unha ferramenta de futuro para a nosa sociedade se queremos e sabemos utilizala e desenvolvela. É responsabilidade de todos. E, en primeiro lugar, do Goberno galego, que Vde. preside.
Vía:Vieiros.

O galego é do que o fala, e é tamén do que aínda non o fala, ou do que xa non o fala...

Manifesto sobre a lingua feito público polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia:

"Que imaxe vai ter de si un pobo que deixou apagar, deixou morrer, o máis valioso do seu patrimonio inmaterial?", pregúntanse desde o colexio de psicólogos.


"O galego é meu, o galego é noso, é de todos e todas. O galego é do que o fala, e é tamén do que aínda non o fala, ou do que xa non o fala... O galego é daquel que o ama e mesmo daquel que o odia, se é que hai algunha persoa que tal sinta polo seu patrimonio herdado... Porque, ao final, que é o galego?
O galego é o máis valioso dos nosos tesouros inmateriais, xunto coa música que tamén é outro tesouro. Realmente é difícil ver o valor de certas cousas até que sentimos a súa carencia, a súa falta, cando xa é tarde... Hoxe é tal vez tarde para recuperar a lagoa de Antela, a lagoa que hoxe a ninguén se lle ocorrería desprotexer, mais iso nos anos 50 non se viu. Hoxe é tarde para recuperar o que foi destruído, mais non é tarde para aprender deses erros e protexer o que nos resta.
A ninguén, non seu san xuízo, se lle ocorrería desprotexer a catedral de Santiago, e sen ir tan lonxe, a ninguén se lle ocorrería desprotexer a arte e arquitectura da cidade de pedra compostelá... Mesmo indo contra a suposta liberdade individual dos propietarios e propietarias dos inmóbeis da zona histórica, todos e todas concordamos en que hai que protexer o que é patrimonio común... E a lingua? Acaso a nosa lingua non merece o mesmo que as nosas pedras? Ela é patrimonio de todos e todas nós, e non só... ela é tamén patrimonio de todo o Estado, e da humanidade enteira. Entón, non merece o mesmo esforzo de protección?
Desde este Colexio Profesional queremos tamén advertir da importancia que a integración do pasado ten para o benestar presente e futuro das persoas. Un pobo que, non por vontade, porque se algo demostrou o pobo galego foi aprecio e lealdade á súa lingua é un pobo condenado a non saber quen é... E un pobo, ou unha persoa, que non sabe quen é, non pode contribuír con nada de orixinal ao destino da humanidade. Porque a universalidade do saber non vén da maior ou menor extensión dese coñecemento, senón da profundidade á que somos capaces de chegar co noso saber".
E como di a poeta e psicóloga Concha Rousia, "Quando morren o último falante de uma língua morre um sonho da Humanidade". Porque as linguas son todas obras marabillosas da Humanidade, dignas de seren protexidas, e a nosa non pode ser menos. Polo tanto de nós, dos nosos gobernos, depende pois que ese soño non esmoreza".