quinta-feira, 25 de fevereiro de 2010

O orgúllo espállase



Unha nova campaña da Coordinadora de Equipos de Normalización, na que interveñen figuras con proxección como Martín Rivas ou Luís Tosar, está a colleitar un éxito sen precedentes. O vídeo Orgullos@s do galego achégase, catro días despois do seu lanzamento, ás 18.000 reproducións no Youtube e máis de 1000 visualizacións directas en Vimeo, que non contabiliza as reproducións embebidas noutros sitios na rede. Tamén está a ter un seguimento importante nas redes sociais con case 2000 seareiros nun grupo en Facebook e máis de 5000 mozos e mozas que participan nun evento no Tuenti.
Alén deste impacto mediático, trátase dunha campaña social: aberta á participación de toda a comunidade educativa, pon á nosa disposición diferentes materiais para imprimir e distribuír, e ademais calquera pode achegar os seus propios.

Esta campaña é túa, esta campaña é de todos e de todas. Colabora connosco e grava un spot, unha breve historia, unha declaración... mostrando o teu orgullo polo noso, o teu orgullo polo galego. Que non sabes como expresalo? A creatividade está dentro de ti. Aí tes o lema, os vídeos, a idea... e dálle voltas, faina túa, falade no colexio ou no instituto, cos profes e cos compas... e mostra o teu orgullo polo noso, o teu orgullo polo galego.


Recollida desta boa recepción n'A Nosa Terra.
Noticia da campaña en Certo.

Velaquí a presentación:




quinta-feira, 11 de fevereiro de 2010

A comunidade educativa do Barbanza mostra o seu rexeitamento ao Borrador do Decreto



Este mércores, día 10 de febreiro de 2010, a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza celebrou unha rolda de prensa no IES Nº1 de Ribeira, onde contou co presenza de perto de setenta nais/pais, alumnado e profesorado de centros de infantil, primaria e secundaria (tanto do ensino público, como do concertado) de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira.
Na Coordinadora de ENDL do Barbanza indicaron que durante estes últimos meses tiveron multitude de preguntas e queixas polo feito de que desde a Consellería de Educación se quixese facer retroceder a lingua galega no ensino.
Por este motivo a CENDLB quixo que foran directamente os implicados no ensino os que ofreceran o sentir maioritario da comunidade educativa do Barbanza.
No acto interviñeron varios membros de distintos colectivos (ANPAS, alumnado e profesorado) que centraron as súas intervencións nos graves prexuízos contra o galego deste “Borrador” nos seguintes puntos:
-Un retroceso do galego por primeira vez desde que temos democracia, obviando toda a lexislación vixente, incluído o Estatuto de Autonomía que obriga ao goberno galego a protexer e fomentar a nosa lingua.
-O galego non está normalizado, polo tanto está en desigualdade co castelán e só através dunha presenza ampla no ensino (mínimo do 50% das materias) se pode ir cara un maior equilibrio.
-Úsase o introdución do inglés como coartada para facer retroceder o galego, nós non temos nada contra as demais linguas, pero hai outras maneiras de fomentar o plurilingüísmo sen facer retroceder o galego, que a nosa lingua propia e lingua tamén oficial.
-Se se leva a cabo este borrador de decreto, provocará un FRACASO ESCOLAR maior aínda, xa que moitos nenos e nenas non poderán seguir as clases con normalidade
-Ao mesmo tempo provocará moitos conflitos entre familias e docentes, só pola deixación de funcións da administración, que é quen ten que fixar todo o currículo educativo.

Por todo isto, manifestaron unanimemente o rexeitamento da comunidade educativa do Barbanza a este borrador do Decreto e manifestaron o seu desexo de poderen continuar como até agora, pois non tiveran ningún problema coa actual situación.
Imaxes e vídeos do acto:




Así foi recollido o acto por Canal Rías Baixas:





A nova, con máis imaxes, en Certo. Tamén en La Voz de Galicia.

domingo, 7 de fevereiro de 2010

A postura dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística

Os e as representantes dos ENDL que asistiron á Xornada de Formación dos Premios á Innovación en Normalización Lingüística, neste curso 2009-2010, posicionáronse con esta admirábel claridade:

as aulas e o despacho from SonCine on Vimeo.



E, tras a xornada, fixeron pública esta carta ao Secretario Xeral de Política Lingüística:

Os ENDL galardoados nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística puxeron en coñecemento do Secretario Xeral de Política Lingüística a carta que reproducimos máis abaixo no trascurso das Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, que tiveron lugar no día de onte, sábado 30, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.

Señor secretario xeral de Política Lingüística:

Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar.

Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo).

A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados.

Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe.

Asdo.:

Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010

Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES Porto do Son (Porto do Son).

Argumentos fronte as mentiras

Prolingua vén de presentar, en 70 localidades de todo o mundo e con gran éxito, o libro 55 mentiras sobre a lingua galega, que nos achega argumentos claros e sólidos para enfrontar as ideas erróneas, prexuizosas, ideoloxizadas e perversas que se difunden para frear o lexítimo proceso de normalización da lingua galega. Para non ficar sen defensas ante os virus das falacias etnocidas, que negan a historia e a evidente desigualdade económica, mediática, social entre o galego e o castelán, que negan os dereitos de todo un pobo.
Velaquí unha síntese realizada pola profesora Pilar Ponte: