sábado, 25 de abril de 2009

Os Equipos de Normalización queren falar con Jesús Vázquez

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística felicitouse onte a través dun comunicado de prensa da "chamada ao consenso para as políticas relativas á normalización lingüística realizadas esta semana polo Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez."

Por tal motivo, a Coordinadora de ENDL lembrou que xa ten solicitada unha entrevista co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que está á espera de recibir algunha resposta para chegar a acordos que favorezan a normalización da lingua galega, como el mesmo manifestou.

Así mesmo, na vindeira semana, a Coordinadora anuncia que entregará no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha solicitude para manter unha entrevista co conselleiro de Educación despois das declaracións desta semana nas que chamaba ao diálogo cos sectores implicados na lingua.

"Acadar compromisos firmes para a lingua"

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, formada por docentes que levan moitos anos traballando no eido da normalización lingüística nos centros educativos, manifesta a súa "vontade de reunírmonos con el para acadar compromisos firmes e positivos para a lingua de todos os galegos."

Vía:Galicia Hoxe.

Nacemos para defender o galego nos colexios.


‘Nacemos para defender o galego nos colexios’
H. Vixande . O sA Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presentoulle ao novo goberno 200 sinaturas de equipos de normalización que están preocupados pola derrogación do decreto do galego no ensino. Nunha asemblea, Valentina Formoso foi elixida voceira da Coordinadora que defenderá o idioma nos centros educativos e na rúa.


O resultado electoral ameaza con cambiar o papel do galego na educación, que opina?

O que sabemos é que van derrogar o decreto. Para nós era mellorábel, pero servía. O problema é que agora non coñecemos a alternativa. Hai mensaxes contraditorias, ambiguas. Esperemos que promulguen outro e non quedarmos no limbo. Mandan a mensaxe da normalización e do multilingüismo pero non aclaran nada.

Entón están preocupados.

Si porque non concretan, sobre todo despois de que se difundise o discurso baseado na mentira de que se impón o galego. Calquera que coñeza os centros de ensino sabe que iso non é certo. O decreto falaba dun 50% de materias en galego para conseguir a mesma competencia do alumnado nas dúas linguas. Aquí ninguén fala de monolingüismo en galego.

Ao seu xuízo, cales poden ser os resultados dunha política de normalización na que os pais teñen a única palabra?

A política lingüística é política e correspóndelle facela ao goberno. Os pais non interveñen nos currículos porque sería absurdo que determinasen como hai que estudar as matemáticas. Supoño que a estas alturas non se discute o que di o Estatuto, que o galego é a lingua propia de Galiza, nin que a Lei de Normalización do 83 sinala que debe protexerse. Vemos que hai quen quere que o galego estea presente nunha soa materia, como unha lingua estranxeira. Isto impide que os nenos sexan bilingües e implica perder a nosa lingua.

Falta información?

Falta. Con independencia de se os pais deben decidir como se imparte a educación, descoñecen as vantaxes do ensino bilingüe porque hai quen se encarga de que non as saiban. Van a elixir que idioma queren sen ter información suficiente. Grazas ao ensino bilingüe, dos quince premios estatais de bacharelato do último ano, seis eran galegos.

E que alternativa cabe?

Non somos quen para dicir nada, pero a alternativa é o sentidiño. Necesitamos unha lei para que o alumnado sexa competente nas dúas linguas. O bilingüismo debe ser para todos, non só para os que temos o galego como primeira lingua. E como todos temos dereitos, na administración terán que dirixirse a nós en galego se o requirimos. Haberá que formar agora a esas persoas que no futuro poderían ser funcionarios.

Que medidas tomarán os equipos para defender o galego?

A Coordinadora nace para organizar actividades conxuntas dos equipos de normalización no sentido de aproveitar recursos e aunar esforzos na dinamización lingüística nos centros. Esa é a liña da Coordinadora, os obxectivos son as actividades nos colexios. Houbo unha primeira medida, puntual, que foi redactar un documento que sinalase a nosa preocupación, como tamén lle pedimos unha entrevista ao novo presidente.

Daquela non nacen contra o PP.

Iso hai que deixalo claro, nacemos para traballar a prol da lingua. Temos xente de ideoloxía moi plural, como debe ser. Que non nos confundan con partidos nin nos instrumentalicen.

Cantas persoas ou centros forman parte da Coordinadora?

De momento asinaron 400 equipos. A iniciativa apareceu xusto antes de semana santa e aínda estamos a lanzar os folletos de inscrición. En Galiza, hai 1.500 centros con equipos de normalización, que se sumasen 400 en tan pouco tempo é un éxito.

Vía:A nosa terra.

O Cep Brea Segade (Rianxo) celebra o seu 25 aniversario.


Podemos ver distintas actividades que están facendo no seu blogue Educaldea.

domingo, 19 de abril de 2009

Mestres e mestras de case 400 centros piden ao PP que non retire o decreto do galego


Mestres de case 400 centros piden ao PP que non retire o decreto do galego
A Coordenadora de equipos de Normalización Lingüística entregou onte as sinaturas de apoio á normativa do idioma no rexistro da Xunta.
Máis de 360 Equipos de Normalización lingüística de centros educativos públicos e privados da comunidade autónoma asinaron xa un texto de apoio ao decreto do galego no ensino, unha normativa que o presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que ía derrogar nada máis chegar ao poder.
Voceiros da Coodernadora galega destas agrupacións, que foi a que promoveu a iniciativa. encargaronse de entregar onte no Rexistro Xeral da Xunta as sinaturas de respaldo, acompañados de arredor dun cento de mestres.
Unha das representantes, Tina Formoso, aclaraba onte que conforman "un grupo de profesionais do ensino, moi plural". "Non somos de ningún partido en concreto, nin de ningún sindicato, nin queremos que se nos asocie. Hai xente de todas as ideoloxías, como debe de ser", explicaba unha das mestras, quen aclaraba que nos Equipos de Normalización Lingüística hai docentes de todas as materias e tamén representantes do alumnado e do resto de persoal dos centros.
"Nós temos algo que dicir"
Formoso sinalou tamén que á hora de falar da lingua nos colexios e institutos, eles teñen "algo que dicir" e que se lles debe ter en conta. "Somos os profesionais que estamos no tema e levamos moitos anos traballando con iso, dende principios dos anos 90, e estamos todos os días a pé de canón nos centros de ensino", engadiu a voceira da coordenadora galega.
"Se van derrogar o decreto, que a nós en principio nos valía, e van poñer outro, nós temos algo que dicir. que consensúe con nós que vai facer porque somos parte implicada", dicíalle tamén a docente ao novo presidente da Xunta de Galicia.
Ademais, Tina Formoso considera que Alberto Núñez Feijóo "ten que concretar" as liñas que vai seguir en materia de Política Lingüística. Segundo a profesora, polo de agora non poden valorar as palabras do líder do Executivo porque só falou de "trilingüísmo" e "normalización". "Iso a nos parécenos ben, pero ten que precisar e logo poderemos dicir algo", engadiu. Ademais, pediu que se derroga o decreto "non deixe un baleiro legal" e que a nova inciativa sexa "consensuada" con eles.
As sinaturas entregadas onte no rexistro da Xunta apoian un documento que recolle a "preocupación" dos Equipos de Normalización Lingüística pola intención do novo Goberno de revocar a normativa de uso e promoción do galego no sistema educativo.
Dito texto lembra que o decreto desenvolve un Plan Xeral que foi "aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004" e que "supón a superación dunha lexislación que tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal e como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico", da comunidade autónoma.
O documento tamén defende a normativa aínda vixente porque "persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia". Así mesmo, o texto presentado lembra que con este decreto os centros poden elaborar o seu propio proxecto sobre a ensinanza dos idiomas e que debe ser aprobado polo Consello Escolar, polo que conta coa "implicación e o consenso de toda a comunidade educativa".
Traballo coordinado:
Despois de facer entrega das sinaturas de apoio ao decreto do galego no Rexistro Xeral de Xunta, os integrantes da Coordenadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística celebraron a súa primeira asemblea no Museo Pedagóxico de Galicia, situado en Santiago. Como a entidade a nivel autonómico se constituiu recentemente, a reunión de onte tiña como obxectivo organizar o traballo conxuntamente e presentar o seu ideario, que defende que “se garanta que o alumnado sexa competente nas dúas linguas cooficiais da comunidade ao final do ensino obrigatorio”. Tamén respaldan que haxa espazos para o uso do galego no sistema educativo, dado que o Mapa Sociolingüístico demostra que este idioma “está a perder falantes”. Na asemblea tamén se decidiu que se creará unha comisión organizativa, cun respresentante de cada coordenadora comarcal –ou un voceiro se non hai este organismo creado nalgunhas zonas– e outro voceiro dos centros relixiosos, que xa teñen o seu propio organismo. Acordaron constituir, ademais, un consello directivo que contará con oito ou dez membros. O obxectivo é coodinar as actividades e ter “unha única voz”.
Vía:Xornal de Galicia.

sábado, 11 de abril de 2009

A Coordinadora prepara o Correlingua-2009 (Pobra do Caramiñal).



O Correlingua, un programa lúdico-participativo para o fomento do uso da nosa lingua impulsado por diferentes entidades, culmina na celebración de catorce marchas que percorren o país durante o mes de maio. A edición comarcal deste ano, organizada pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza, vaise celebrar concello da Pobra. Será o día 12 e asistirá alumnado de máis de vinte centros de ensino de todos os niveis unidos polo lema "En galego. Pásao". Este será o percorrido. O manifesto deste ano ven da man do alumando do CPI de Panxón.

quinta-feira, 9 de abril de 2009

Axóuseres.



Coa primavera, chega unha nova xeira dos Encontros dos Axóuxeres! Lembra que é imprescindible reservar previamente e que é posible inscribirse a partir do 9 de marzo, no teléfono 686 160 879.

Os Axóuxeres é unha proposta para beber cantigas, brincadeiras e aloumiños, metelos nos petos e levalos para a casa, para que a nosa lingua siga pasando de pais e nais a fillas e a fillos. Ver, cheirar, gustar, tocar, escoitar, falar con todos os nosos sentidos, isto son as festas e os encontros dos Axóuxeres, na proposta de Galitoon.

Na programación dos Axóuxeres veñen participando distintos artistas que unen palabra, emoción e música, para animar os máis pequenos a falar, a cantar e a gozar co galego. Músicos e actores, da man de Totó, un pequeno moneco de pelo azul que aprende as primeiras palabras, logran que os encontros dos Axóuxeres sexan inesquecibles.

Datas dos encontros primavera 2009

quarta-feira, 8 de abril de 2009

O galego é útil

O galego e útil é o título dun manifesto promovido por galegos e galegas que residen no exterior e que queren desmentir, desde a súa experiencia vivindo e traballando no estranxeiro, os tópicos de que "o galego só é útil na Galiza" ou "non serve para nada".
Os promotores do manifesto afirman que "é unha obviedade dicir que unha lingua é útil, porque todas o son", pero que , "lamentabelmente no debate lingüístico en Galiza óense con demasiada frecuencia comentarios que descualifican o estudo do idioma galego argumentando que é unha lingua que non serve para nada fóra da nosa terra". "Quizais non é mala idea gritar obviedades por internet", conclúen.
Xesús Magariños e Inma Gil, impulsores da iniciativa, agardan atraer sinaturas e comentarios de usuarios galegos de todo o mundo e contribuír así "construtivamente" ao debate sociopolítico na Galiza.

sexta-feira, 3 de abril de 2009