terça-feira, 31 de março de 2009

Posicionamento público dos equipos sobre a derrogación do decreto.


Na xuntanza mantida por un cento de coordinadores de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) dos centros de ensino públicos e privados no Instituto Galego de Información (Santiago de Compostela) o pasado sábado 28 de marzo, acordouse a constitución dunha Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para establecer dinámicas de colaboración entre os diferentes equipos, unha cooperación que permita compartir experiencias normalizadoras que redunden positivamente no traballo da dinamización lingüística nos centros de ensino galegos.

A primeira acción da Coordinadora Galega de ENDL é dar a coñecer o posicionamento público dos equipos sobre a derrogación do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, anunciada polo novo goberno da Xunta de Galicia.

Por iso, convídase a todos os Equipos de Normalización a adherirse a este texto que se pode consultar na páxina web da campaña.

Hai dúas maneiras de achegar o apoio dos equipos:

1.- Enviando un fax ao número 981800064, no que, tal e como se recolle no documento adxunto, se identifique o centro educativo e o concello no que está situado, así como o nome e apelidos do coordinador ou coordinadora xunto co seu nº de DNI e o seu correo de contacto (o oficial da Xunta: edu.xunta.es) para facilitar a comunicación directa cos equipos no futuro.

2.- A través da propia páxina web http://www.coordinadoraendl.org/

Dende a Coordinadora convídase a todos os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística a sumarse a esta iniciativa, ao tempo que se prega a súa máxima difusión entre os/as compañeiros/as dos ENDL, comunidade docente, blogues e webs, etc. co fin de obter o maior número de adhesións.

O PP presionou senadores para votar contra o galego

Vía: A nosa terra.

O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, vén de denunciar que unha senadora galega do PP presionou hoxe o seu grupo no Senado até conseguir que retirara o seu apoio a unha moción que solicitaba que os exames de Médico Interino Residente (MIR) e doutras profesións sanitarias, ademais de en castelán, tamén se puideran realizar en galego.

A Comisión de Sanidade e Consumo da Cámara Alta debatía esta mañá unha moción conxunto do Grupo Parlamentario Catalán de CiU e da Entesa Catalana de Progrés, pola que se instaba ao Goberno a que os exames da convocatoria do ao 2010 para optar a prazas dos distintos centros sanitarios para a súa docencia de residentes, se puidesen realizar no idioma cooficial da súa respectiva Comunidade Autónoma.

Cambio de parecer nuns minutos

Tal como recolle a acta da Comisión, na primeira quenda de intervencións, a portavoz do PP, María Begoña Contreras Olmedo, senadora por Burgos, expresou o posicionamento do seu grupo a favor da moción e, consecuentemente, o voto a favor.

Con todo, uns minutos máis tarde, cando se ía votar a moción, o PP xa mudara de parecer. Nese momento tomou a palabra a senadora do PP por Pontevedra, Dolores Pan, para tratar de xustificar o cambio de postura do grupo: abstención e rexeitamento da iniciativa xa que, ao seu xuízo, “incrementaría o gasto e a burocracia”.

Xosé Manuel Pérez Bouza considera que resulta “curioso, que este comportamento do Partido Popular se dea precisamente nunha comisión, a de Sanidade e Consumo, na que o PP conta até con tres senadores galegos” e que ademais sexa unha senadora galega a que trate de xustificar o cambio radical de postura, feito que a xuízo do senador do BNG, so se pode explicar polas “presións que lle impón a nova política lingüística do PP de Galiza en contra do idioma galego e da súa promoción social”.

segunda-feira, 30 de março de 2009

Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización.



(Vía Xornal de Galicia)
Os profesores fan fronte común contra a política lingüística do PP
Os equipos de normalización da lingua no sistema educativo crean unha coordinadora galega.
Os docentes encargados do fomento do idioma nos colexios artellan xa unha resposta ante a posible derrogación do decreto do galego no ensino.M. Pardo / A Coruña29/03/2009 | 21:15 h. (actualizado el 30/03/2009 a las 01:18 h.)


Que a derrogación do Decreto 124/2007 anunciada polo futuro presidente da Xunta de Galicia ía ter grupos en contra, era visto. Ademais agora, a hipotética supresión da norma que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo por parte de Núñez Feijóo terá en fronte tamén o profesorado encargado do fomento do idioma nos centros de ensino.

Ese é polo menos o motivo principal polo que máis dun cento de coordinadores dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (EDNL) acordaron o pasado sábado tras unha reunión en Compostela crear unha coordinadora a nivel galego "para establecer dinámicas de colaboración e cooperación entre os diferentes equipos".

A primeira misión non é outra que dar a coñecer o posicionamento común dos equipos en contra da derrogación do decreto do galego no ensino. Estes grupos, presentes por lei en todos os centros de ensino galegos, queren amosar así o seu rexeitamento ante a política lingüística anunciado polo futuro Goberno da Xunta, malia que aínda preparan un documento público e consensuado que foi xa estudado e ben acollido o pasado sábado en Santiago.

A pesar de que os promotores desta nova Coordinadora Galega de EDNL non queren adiantar o contido desta resposta común, a postura será en contra dun modelo lingüístico "que vai mudar e parece que non para ben".

O novo colectivo, creado "grazas ao boca a boca", pretende sumar adhesións nas vindeiras semanas para ter elaborado un texto común e co maior número de apoios xa antes de Semana Santa. A coordinadora aclara que "máis que substituír o labor da Administración", o seu obxectivo será "complementalo" na defensa da normalización do idioma.

sábado, 28 de março de 2009

IV Seminario de Dinamización Lingüística.

IV Seminario de Dinamización Lingüística que se celebrarán nunha primeira quenda nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo os días 21, 22, 23, 28, 29 e 30 de abril. A segunda quenda celebrarase en Pontevedra, Santiago e Ferrol os días 5, 6, 7, 12, 13 e 14 de maio .O prazo de matrícula para esta primeira quenda xa foi aberto, como en ocasións anteriores, na aplicación do CFR (www.edu.xunta.es/fprof) e remata o vindeiro 13 de abril (coincidente co luns de páscoa, último día do período vacacional da Semana Santa). O número de prazas dispoñibles para asistir é de 50 e terán preferencia os coordinadores e coordinadoras de ENDL; en caso de ficaren prazas libres accederá a estas todo o profesorado que o solicitar dentro do prazo até cubrir as 50 prazas.

quinta-feira, 26 de março de 2009

Xuntanza dos ENDL

AO COIDADO dos responsables e membros dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do centros de Ensino Infantil, Primario e Secundario.

Ola a todos/as.

Somos un grupo de persoas que está a traballar en ENDL de diferentes centros de Ensino da zona de Santiago que nos xuntamos para falarmos de como podemos afrontar a nova situación canto á normalización da nosa lingua. Dado que as cousas van mudar, e parece que non para ben, consideramos que é necesario transmitirlle á sociedade e ao novo goberno o que pensamos ao respecto dos cambios anunciados. Por iso vos convocamos a unha reunión que se celebrará o vindeiro sábado 28 de marzo ás 16.30 da tarde no Instituto Galego de Información (IGI) (San Marcos, Estrada do Aeroporto, ao pasar o Hotel Apóstol Santiago). O obxectivo da reunión é o seguinte:

-Avaliarmos a posibilidade de facermos pública a nosa posición canto ao Decreto 124/2007, que se quere derrogar. Levaremos un texto base para consensuarmos antes de mandalo aos medios. Sería un texto de carácter técnico, como normalizadores que somos, e para nada incompatible con outros posicionamentos que poidan facer outras organizacións sociais e políticas que fagan algo ao respecto.

-Pensarmos na posibilidade de crearmos unha Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para actuar colectivamente a prol da nosa lingua tanto a nivel particular, nos nosos centros, como en xeral, na sociedade.

Por favor, comunicádelle esta convocatoria a todos cantos membros dos ENDL coñezades, e que polos motivos que foren non leron esta información.
Agardamos contar coa vosa asistencia para entre todos poder traballar para conseguir obxectivos normalizadores.
Por favor, confirmade asistencia.

Saúdos a todos/as.


Román Landín Cerqueiro (CPI Aurelio-Cuntis)

Valentina Formoso Gosende (IES Félix Muriel- Rianxo)

Xesús Mosquera (CRA de Santa Comba)

Luís Aldegunde (CPI de Rois)

Sara Paz (CPI da Baña)

Pila Buela (IES de Valga)

Gracia Sanctorum (IES Pintor Colmeiro-Silleda)

Sechu Sende (IES Marco do Camballón-Vila de Cruces)

Daniel Asorei (CPI de Touro)

Xoán Constenla (CPI de Portas)

Ana Rial (IES de Caldas)
Miguel Louzao Outeiro (IES Coroso-Ribeira)