sexta-feira, 28 de maio de 2010

As rusas tamén en galego





Da creatividade (multipremiada) do CEIP Aguiño.

sábado, 22 de maio de 2010

Desequilibrio e agresión


Máis respostas á aprobación do Decreto do Plurilingüismo.

A Coordinadora Galega de ENDL entende que este novo regulamento acentúa o desequilibrio entre as linguas oficiais, propiciará a inmersión en castelán en infantil e non garante que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.
Non é certo que exista equilibrio entre galego e castelán, idea coa que o goberno pretende vender o novo texto lexislativo. O galego, lingua propia de Galicia e necesitada de protección, queda nunha situación moi inferior ao castelán no ensino. As razóns son varias, destacando tres principais:
  • en realidade hai máis materias marcadas como obrigatorias en castelán ca en galego. Por exemplo, en 3º da ESO falamos de 8 horas semanais de materias que se deben impartir obrigatoriamente en castelán: Matemáticas (4h), Física e Química (2h) e Tecnoloxías (2h); fronte ás 5 horas en galego: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia (3h) e Bioloxía e Xeoloxía (2h). No resto das materias, é imposible chegar ao 50% do ensino en lingua galega porque non existen materiais de todo tipo editados nesta lingua para poder traballar nas aulas, escenario que se reproduce en todas as etapas educativas.
  • a consulta ás familias, que agora se publicita como “pregunta vinculante”, en Infantil propiciará a inmersión en castelán pois, como sinalan os últimos estudos, o galego xa non é a lingua maioritaria nas franxas de idade máis novas. O novo decreto non contempla ningún tipo de medidas tendentes a sentar as bases da adquisición da lingua non predominante na aula.
  • como persoal docente que somos os membros dos equipos de normalización e dinamización lingüística, e polo tanto coñecedores da realidade sociolingüística dos centros de ensino, consideramos un síntoma moi significativo do afastada que está a Consellería de Educación desa realidade o feito de que se pretenda mudar o noso nome por Equipos de dinamización, como se xa non fose preciso "normalizar" unha lingua coma o galego nos centros escolares, lingua que 27 anos despois de aprobada a Lei de Normalización Lingüística está moi lonxe de acadar unha situación normal na nosa sociedade.
Desde a coordinadora de ENDL pretendemos que o alumnado, o profesorado, as nais e os pais e o resto da sociedade teña competencia tamén en lingua galega, por iso somos conscientes da necesidade de apoio que precisa o galego en todos o ámbitos en xeral e, moi especialmente, no ensino.

Para Prolingua, consúmase a agresión teimosamente preparada contra a lingua galega no ámbito educativo, a peor desde o franquismo, medida que evidencia a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional.

Pola súa parte, as ANPAs dos centros públicos advirten de que a nova norma sería anticonstitucional, pois a Constitución deixa ben claro que a consulta ás familias é totalmente inviable. Ademais, a súa aprobación dificultará a garantía da competencia do alumnado en ambas as linguas oficiais e piden que se suprima que os alumnos poidan contestar no idioma que queiran durante as clases.

Eu, tamén en galego



Esta Coordinadora acaba de presentar a campaña Eu, tamén en galego, difundida a través de carteis e protagonizada por veciños e veciñas do Barbanza cunha traxectoria profesional e social recoñecida.
Todas estas persoas, representantes de moi distintos ámbitos e traballos (un mariño mercante, unha traballadora social, un xuíz, unha pasteleira...), animan ao uso normal, desprexuizado, da lingua. O galego séntalle ben a todo o mundo, Eu tamén poño copas en galego ou Non se pode cuestionar, falar galego é natural, son algunhas das mensaxes que acompañan as súas imaxes.





Na Voz de Galicia.

Unha campaña que conecta coa da Coordinadora Galega Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego, que non para de enriquecerse. Entre as últimas achegas, esta peza orgullosa de Aid:

quinta-feira, 20 de maio de 2010

A cidadanía burlada e a Lei de Normalización ameazada

O Consello da Xunta aprobou o Decreto de Plurilingüismo tres día despois da macromanifestación a prol da lingua, tras xogar cun pacto imposíbel, sen facer público o texto definitivo e advertindo de que mutilará a Lei de Normalización Lingüística.
A versión oficial, obscena.

Ante isto, Queremos Galego considera que a Xunta actúa con prepotencia na súa imposición unilateral do Decretazo e lamenta que Núñez Feijóo se manteña sen escoitar o clamor social contra a súa política galegófoba. "Debería escoitar os sindicatos, as asociacións de nais e pais, as organizacións estudantís, o Consello da Cultura, a Real Academia Galega e o Consello Consultivo”, subliñan, pois “esta política de ataques contra o galego e de confrontación social non pode levar a nada bo para ninguén”.
Desde Queremos Galego sinalan que as liñas xerais sinaladas esta mañá polo presidente da Xunta para o decretazo “conculcan a Constitución, o Estatuto, a Carta europea das linguas e a Lei de normalización lingüística”. “Se alguén o dubida, só ten que ler o informe elaborado polo Consello Consultivo, que desautoriza punto por punto todos os piares do decretazo contra o galego”, observan.
Como exemplo, na plataforma citan un fragmento do relatorio xurídico onde o Consultivo lembra que “a acción normalizadora da lingua propia ten que implicar, necesariamente, a adopción de accións e medidas de apoio singularizado ou reforzado para garantir a subsistencia e desenvolvemento desta lingua”, algo do que “carece totalmente o decretazo contra o galego”.

A Mesa, pola súa parte, tamén lamenta que o PP queira mudar unilateralmente a Lei de normalización lingüística e lembra que o decretazo presentado hoxe conculca a Constitución e o Estatuto.
A Mesa considera “moi preocupante” que o presidente da Xunta, “en lugar de avanzar no camiño do diálogo e do consenso, botase esta mañá aínda máis leña ao lume, propondo a aprobación unilateral dunha nova norma que derrogue o estabelecido na Lei de normalización lingüística sobre promoción do galego no ensino”. O presidente da entidade advirte de que “derrogar a Lei de normalización, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento en 1983, significaría romper un dos piares da Autonomía”.
Carlos Callón considera “máis que lamentábel” que o presidente da Xunta “continúe na tónica de mentir e crispar”. “Calquera persoa que lea o informe do Consello Consultivo verá que non só rexeita a pseudoconsulta en infantil, senón que bota por terra todos e cada un dos alicerces do decretazo” e avalía que “as liñas xerais que presentou hoxe o presidente da Xunta conculcan a Constitución e o Estatuto, porque con esa formulación é inviábel garantir que os rapaces e as rapazas finalicen cada etapa educativa con destrezas comunicativas tamén en galego”.
O presidente da Mesa tamén sinalou que “aínda que o decretazo fala dun 50% de materias sinaladas para impartir en castelán e 50% para impartir en galego, a verdade é que o peso horario desas materias en español é superior, polo que non hai equilibrio nin desde ese punto de vista”. Ademais, lembrou que “Galiza é a única comunidade do Estado español na que se quere prohibir por decreto que se poidan impartir algunhas materias na lingua propia, algo que non acontece nin tan sequera noutros lugares onde goberna o PP”.
“O PP quere ignorar o demoledor informe do Consello Consultivo en aspectos centrais, como a obriga constitucional e estatutaria de promover a lingua propia, polo que este decretazo nace xuridicamente morto”, conclúe.

sexta-feira, 14 de maio de 2010

Do Courel a Compostela




Contundente ditame do Consello Consultivo ante o Decreto

O Consello Consultivo considera o Decreto para o plurilingüismo no seu ditame “contrario ao ordenamento xurídico". Esta postura súmase ás desautorizacións (desoídas pola administración) da Mesa Sectorial do Ensino, do Consello Escolar de Galicia, do Consello da Cultura, da Real Academia e das Universidades, entre outras entidades de referencia.

Velaquí algúns fragmentos significativos:

Someter a configuración dun dereito fundamental a votación, con deixación da función de programación xeral do ensino que compete aos poderes públicos, infrinxe os devanditos preceptos constitucionais. (...) Xustamente, porque é responsabilidade das administracións educativas a realización dunha adecuada programación do ensino, e por constituír a dita tarefa unha garantía básica do dereito á educación, é polo que resulta indispoñible, irrenunciable e indelegable tal responsabilidade, en virtude do cal constitucionalmente non é admisible que a programación do ensino quede, total ou parcialmente, a disposición da vontade exclusiva dos particulares, neste caso, das familias.(...) En definitiva, no noso ordenamento non ten acollida un modelo como o proposto, no que a responsabilidade da elección do idioma no ensino, ou a distribución das materias troncais entre os dous idiomas, galego e castelán, recaia, sequera en parte, nas familias, con abdicación da responsabilidade educativa que o artigo 27 da CE atribúe aos poderes públicos, de xeito que a proxectada regulación se sitúa, no aspecto que nos ocupa, fóra do edificio organizativo que para a programación educativa deseña a referida Lei orgánica.
A atribución de ata un terzo como máximo á impartición de materias en lingua estranxeira pode supoñer un sacrificio para a aprendizaxe tanto oral coma escrita das linguas oficiais, tendo en conta os mandatos e fins tanto do Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de normalización lingüística sobre a normalización da lingua galega no ensino e da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, que establece que unha parte substancial da educación se faga na lingua minoritaria (…)

Hase dicir que os principios de elaboración dunha norma regulamentaria, como é un decreto, non poden ser outros ca os da Lei que esta desenvolve, e que no caso que nos atopamos se refiren á Lei de normalización lingüística de Galicia. A formulación contida neste apartado 1, ao referirse unicamente á "adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais", deixa fóra do seu enunciado esa mentada expresión realizada de seguido na exposición de motivos da Lei sobre "asegurar a normalización do galego", ademais de principios contidos nos preceptos concretos da Lei respecto do ensino (artigos 12, 13 e 14) como un dos eidos de procura da tal normalización;(...) Doutra banda, utilízase a palabra "semellante" no canto de "en igualdade", sendo así que non significan o mesmo, e non se formula na perspectiva na que o fai a lei, que é a de que nunha evidente situación de desigualdade entre as linguas se promova que a máis atrasada alcance o nivel da máis adiantada.

Considérase que ese número 1 do artigo devén legalmente insuficiente, ao tratar de formular principios como base para a interpretación axeitada dos concretos preceptos desta norma regulamentaria, que está desenvolvendo outra de superior rango, polo que debe facelo coa maior fidelidade posible a ela. Por conseguinte, debería reformularse, nos termos xa indicados, ou sexa, recollendo os principios sinalados a respecto diso na Lei de normalización: "asegurar a normalización do galego"; "promover o uso progresivo do galego no ensino"; e que "ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade ca castelán". (…) Utilízase no texto o termo "equilibrio", senda mellor empregar o termo de uso xeral "igualdade", que permite saber ao xurista de que se está realmente a falar; isto é, que no caso do principio de igualdade saiban tratar da mesma maneira as situacións iguais e de xeito diferenciado as desiguais; e isto precisamente para tentar de lograr ao final un resultado de igualdade para estas.


Alén diso, o voto particular de GONZALO DE LA HUERGA fai fincapé no carácter contrario á lei da atribución ao galego de topes máximos, non de final a conseguir, senón de medios a empregar (horas e materias), confundindo medios e fins, co que se impide a pontenciación do galego para acadar a igualdade; tamén se subliñan as graves consecuencias da concesión ao alumnado da potestade de non usar como vehicular a lingua na que se está a impartir a materia.

O ditame completo
Análise n'A Nosa Terra

quinta-feira, 13 de maio de 2010

O que vai supoñer o decreto

Publicación da Coordinadora Galega de ENDL

[presentación emerxente se deixas que cargue o blogue ao completo]

O Consello Consultivo observa dúbidas de legalidade no Decreto "do Plurilingüismo"


O ditame do Consello Consultivo sobre o decreto do plurilingüismo no ensino, que a Xunta pretende que entre en vigor o próximo curso 2010-2011, observa 'dúbidas de legalidade' e chega a expor puntos de posíbel 'ilegalidade' en que, a través de consultas, se lle traslade aos pais a potestade de elixir a lingua en que se imparten determinadas materias.

Segundo informaron a Europa Press fontes coñecedoras do ditame, o documento elaborado polo Consultivo está formado por "dúas partes", unha delas "bastante dura" que se refire a aspectos de "ilegalidade" e unha segunda parte na que se indican "algúns elementos de reforma a considerar" e que achega suxestións que pretenden mellorar o texto, pero moitas están centradas en cuestións menores.

Segundo as fontes consultadas sobre o ditame, que o órgano consultivo lle remitiu onte á Xunta, o seu pronunciamiento é "duro" respecto da consulta vinculante aos pais, que poderían cambiar a asignación lingüística estabelecida por decreto a condición de que o decidisen a metade máis un do censo de familias con alumnos en idade escolar.

Pola súa banda, o ditame inclúe dous votos particulares, un dos cales se pronuncia a favor da legalidade do decreto e outro que vai máis aló das críticas do propio texto e que reproba o precepto de que os alumnos poderán expresarse na lingua da súa preferencia no aula. Este aspecto foi un dos que xerou polémica sobre o proxecto de decreto presentado pola Xunta.

Elección das familias

A primeira parte do texto incide "na capacidade de elección por parte dos pais" e considera "que non se pode trasladar esa responsabilidade" ás familias, "nin delegar" cuestións que afectan a servizos básicos como "o dereito á educación", polo que advirte aspectos de "ilegalidade".

Precisamente, o borrador de decreto prevé que a Xunta realizará cada catro anos unha consulta ás familias dos alumnos que cursan primaria e secundaria, a través da cal poderán opinar sobre a asignación lingüística establecida pola norma para as materias troncais, co que poderían modificar a atribución no caso de que o decida "a maioría" do total de pais.

A Consellaría non atende a razóns

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, ratificou que a Xunta mantén 'o mesmo calendario' para o decreto do galego, de forma que entrará en vigor o próximo curso 2010-2011, aínda que analiza elementos 'susceptíbeis' de incorporar do ditame do Consello Consultivo.

Lorenzo indicou que avalían "a recomendacións e observacións" do Consello Consultivo "para incorporalas ou telas en conta na redacción do decreto do plurilingüismo que publicará o Goberno". No entanto, descartou que o pronunciamento do órgano consultivo de Galiza provoque algún atraso no decreto e ratificouse en que estará "vixente en setembro".

En calquera caso, Lorenzo aprazou calquera pronunciamento porque a Xunta adoptará unha decisión "nos próximos días" e evitou avaliar os puntos de ilegalidade aos que alude o ditame do citado órgano. En todo caso, afirmou que "é unha valoración por parte do Consello Consultivo que está para iso, para facer unha valoración xurídica".


Fonte
Máis información, na páxina da CTNL.

A forza do amor en días de chuvia

A marcha e concerto do Correlingua do Barbanza, o punto culminante dun proceso sociocreativo coa lingua, non puido contar -por mor do tempo chuvioso- máis que co alumnado de Secundaria. Así e todo, en Rianxo viviuse a festa do galego.



Da Biblio Fernando Blanco


O Diario de Arousa recolleuno así:

Estivo a piques de non celebrarse por mor da adversa meteoroloxía, pero ao final o Correlingua do Barbanza en Rianxo desenvolveuse o programa previsto unicamente para os arredor de oitocentos alumnos dos centros de Educación Secundaria da comarca. A forza do amor polo galego ou o feito de que o galego sexa a forza do noso amor fixo que os escolares saíran a correr -ou camiñar- polas rúas rianxeiras máis senlleiras, nalgunhas das cales se sitúan as casas de escritores ilustres como Castelao, Rafael Dieste ou Manuel Antonio ou que levan o seu nome.
Botouse en falta a implicación e a nota de cor que sempre lle dan os máis cativos a este tipo de festas, neste caso a prol da defensa da lingua, cos traballos, murais, pancartas e debuxos que fan nas xornadas previas e que exhiben con orgullo durante a carreira e tamén mentres presencian as diversas actuacións. Pero, foron os directores e mestres dos centro de Educación Infantil e Primaria os que decidiron que, finalmente, os 2.100 nenos dos seus centros non saíran cara a praza Castelao.
Minutos antes de iniciarse a carreira de dous kilómetros desde a dita praza cara á de Rafael Dieste, Tanxil, Xogo dos Bolos, Fincheira, Arcos Moldes e Rosalía de Castro e regreso ao punto de partida polo Campo de Arriba, caeu un chuvieiro. Os rapaces e mestres buscaron onde refuxiarse, aínda que non había moito espazo para iso. Foi entón, cando un hostaleiro despregou a carpa da súa terraza para permitir que moitos deles non se mollasen.
Durante a hora e media seguinte asistiron nun principio á actuación dos reguefeiros Pinto e Caruncho, que non deixaron títere con cabeza meténdose primeiro entre eles e logo con todo aquel que estaba pola Praza de Castelao. De feito, a un dos alumnos sacoulle parecido co presidente norteamericano, Barak Obama, máis que nada pola cor da pel.
Entre medias, Lidia González, María Losada e Carlos Pérez, alumnos do instituto anfitrión, o Félix Muriel de Rianxo, encargáronse de ler un manifesto en defensa a lingua galega en nome do “equipo do Correlingua” cunha mensaxe moi dura cara aos lexisladores, como que pretenden facernos regresar á Ditadura. Non faltaron ás críticas ao presidente da Xunta, que “co seu decretazo pretende facernos memos vendéndonos trilingüismo para evitar o galego”. Engadiron que “o xogo non será nada fácil, os adversarios son traidores, pero temos xuventude, somos moitos, somos fortes, xogamos no noso campo e temos como adestradores a Pondal, a Rosalía, a Daniel e Airas Nunes”.

Imaxes, na Tabarra Dixital.

domingo, 9 de maio de 2010

Correlingua no Barbanza. Este curso o evento será en Rianxo.

Este será o percorrido:
CORRELINGUA
Data: Luns 10 de maio, 2010
Lema: “Galego: a forza do noso amor”
Horarios
10:00-10:15 Hora de ir chegando. Os autobuses aparcan na explanada do peirao.
Os da ESO van colgar as pancartas á praza de Castealo e despois diríxense á praza de Rafael Dieste.(Praza da igrexa)
10:15 Os de Primaria e Infantil van para a PRAZA DE CASTELAO e a esta hora empeza a actuación de Pinto e Caruncho para EP e EI no palco da praza Castelao.
11:00 ESO sae para a carreira desde a PRAZA DE RAFAEL DIESTE
11:10 E. Infantil sae para a carreira desde a PRAZA DE CASTELAO
11:15 E. Primaria sae para a carreira desde a PRAZA DE CASTELAO
E.I. e E.P. colocan as pancartas cando cheguen da carreira á praza Castelao. (Tamén temos a posibilidade de que colguen as pancartas antes de saír para a carreira).
11:45 Lectura do manifesto na praza Castelao (todos)
12:00 Actuación de Pinto e Caruncho para a ESO na praza de Rafael Dieste
12:00 Actuación de Fantoche Baj para Infantil e Primaria na praza Castelao
13:00 Actuación do Cantalingua para ESO na praza R.Dieste
Colocación das pancartas:
ESO : Cando cheguen, colocarían a pancarta na praza Castelao e despois irían para a praza de Rafael Dieste para prepararse para a saída da carreira.
EI e EP: cando cheguen da carreira á praza Castelao.
Colócanse nunha rede, utilizando pinzas, no muro que divide o campo de abaixo do campo de arriba.
Percorridos:
ESO : Saen da praza de Rafael Dieste (Praza da Igrexa) hacia Tanxil – xogo dos bolos – Fincheira - Arcos Moldes – Rosalía de Castro – Praza de Castelao.
E.Primaria: Saen da Praza de Castelao - Rúa de abaixo - Praza de R.Dieste - Consistorio Vello – Praciña - A fonte - Río de Sima – Lavadoiro - O Adro - Rúa de Arriba - Rúa do Medio - Rúa de Abaixo e Praza de Castelao.
E. Infantil: Saen da Praza de Castelao - Rúa de abaixo - Rúa do Medio - Rúa de arriba - Rúa do medio outra vez – Praza de Castelao.

Para mirar os mapas: Bico da Ría

La voz de Galicia.
Correlingua.

sábado, 1 de maio de 2010

NOTA DE PRENSA DO CEIP DE AGUIÑO:


O Consello Escolar do Colexio Público de Aguiño, onde está representada toda a Comunidade Educativa: Equipo Directivo, profesorado e familias, denuncia que, por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, este curso suprimiunos a maior parte da axuda que recibíamos para potenciar o uso e valoración do galego a través de distintas actividades. Concretamente baixaron a axuda de 2500 euros a 833 euros, o que implica tan so unha media de 4 euros por alumno/a frente ós 12.5 euros dos que gozábamos en cursos pasados. O recorte de gastos en Educación afecta á calidade dos distintos procesos de ensino-aprendizaxe do noso alumnado. Este recorte xunto co Decreto do Plurilingüísmo é outra das actuacións da Consellería en contra da potenciación da nosa lingua. Esta medida deixa ó Colexio Público de Aguiño nunha situación de precariedade no ámbito lingüístico.

A Voz de Galicia.


Certo.

Galicia Hoxe.

A Xunta de Galicia discrimina cun 35% menos aos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da Comarca do Barbanza



Na concesión de axudas para o ano 2010 o goberno galego deixa os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da Comarca do Barbanza cun 35% menos de orzamento que o ano pasado.

A pasada semana fíxose pública a concesión de axudas para o desenvolvemeto de actividades nos centros públicos por parte dos Equipos de normalización e Dinamización Lingüística galegos polo que a Coordinadora de ENDL do Barbanza quere manifestar o seguinte:

1.Parécenos totalmente inadecuado que se concedan estas axudas no mes de abril, cando quedan apenas dous meses para o remate do curso, o que provocou que a actividade dos ENDL estivese practicamente paralizada durante todo o curso.
2.Se a reducción da contía das axudas (nun 20%) xa era o suficientemente importante, constatamos como se discrimina aínda máis aos ENDL da comarca do Barbanza que reciben axudas dun 35% menos. Estas cantidades farán que se impida a relización de actividades de carácter cultural e lingüísico, que se deixen de editar materiais, revistas etc que tiñan unha longa traxectoria nos nosos centros e excepcional recepción entre o alumnado e as familias.
3.Tendo en conta os dous puntos anteriores, consideramos que se está prexudicar gravemente o ensino público e, polo tanto, que se está a deteriorar dunha maneira evidente a calidade do ensino.
4.Desde a Coordinadora de ENDL facemos un chamamento ao diálogo e á negociación para evitar que a Consellería non continúe por este camiño de discriminación do ensino público porque prexudicar os nenos e nenas é prexudicar o futuro da nosa sociedade.
(Engadimos noutro documento unha táboa comparativa onde poden ver as cantidades concedidas aos ENDL do Barbanza, segundo os datos oficiais da Consellería de Educación)
Información axudas 2009.
Información axudas 2010.