domingo, 19 de abril de 2009
Mestres e mestras de case 400 centros piden ao PP que non retire o decreto do galego
Mestres de case 400 centros piden ao PP que non retire o decreto do galego
A Coordenadora de equipos de Normalización Lingüística entregou onte as sinaturas de apoio á normativa do idioma no rexistro da Xunta.
Máis de 360 Equipos de Normalización lingüística de centros educativos públicos e privados da comunidade autónoma asinaron xa un texto de apoio ao decreto do galego no ensino, unha normativa que o presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que ía derrogar nada máis chegar ao poder.
Voceiros da Coodernadora galega destas agrupacións, que foi a que promoveu a iniciativa. encargaronse de entregar onte no Rexistro Xeral da Xunta as sinaturas de respaldo, acompañados de arredor dun cento de mestres.
Unha das representantes, Tina Formoso, aclaraba onte que conforman "un grupo de profesionais do ensino, moi plural". "Non somos de ningún partido en concreto, nin de ningún sindicato, nin queremos que se nos asocie. Hai xente de todas as ideoloxías, como debe de ser", explicaba unha das mestras, quen aclaraba que nos Equipos de Normalización Lingüística hai docentes de todas as materias e tamén representantes do alumnado e do resto de persoal dos centros.
"Nós temos algo que dicir"
Formoso sinalou tamén que á hora de falar da lingua nos colexios e institutos, eles teñen "algo que dicir" e que se lles debe ter en conta. "Somos os profesionais que estamos no tema e levamos moitos anos traballando con iso, dende principios dos anos 90, e estamos todos os días a pé de canón nos centros de ensino", engadiu a voceira da coordenadora galega.
"Se van derrogar o decreto, que a nós en principio nos valía, e van poñer outro, nós temos algo que dicir. que consensúe con nós que vai facer porque somos parte implicada", dicíalle tamén a docente ao novo presidente da Xunta de Galicia.
Ademais, Tina Formoso considera que Alberto Núñez Feijóo "ten que concretar" as liñas que vai seguir en materia de Política Lingüística. Segundo a profesora, polo de agora non poden valorar as palabras do líder do Executivo porque só falou de "trilingüísmo" e "normalización". "Iso a nos parécenos ben, pero ten que precisar e logo poderemos dicir algo", engadiu. Ademais, pediu que se derroga o decreto "non deixe un baleiro legal" e que a nova inciativa sexa "consensuada" con eles.
As sinaturas entregadas onte no rexistro da Xunta apoian un documento que recolle a "preocupación" dos Equipos de Normalización Lingüística pola intención do novo Goberno de revocar a normativa de uso e promoción do galego no sistema educativo.
Dito texto lembra que o decreto desenvolve un Plan Xeral que foi "aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004" e que "supón a superación dunha lexislación que tiña demostrado que non estaba respondendo aos obxectivos para os que fora deseñada, tal e como poñen de manifesto os últimos datos do Mapa Sociolingüístico", da comunidade autónoma.
O documento tamén defende a normativa aínda vixente porque "persegue como finalidade última que o alumnado acade, ao rematar os seus estudos, unha plena competencia lingüística que o capacite para expresarse oralmente e por escrito nas dúas linguas oficiais de Galicia". Así mesmo, o texto presentado lembra que con este decreto os centros poden elaborar o seu propio proxecto sobre a ensinanza dos idiomas e que debe ser aprobado polo Consello Escolar, polo que conta coa "implicación e o consenso de toda a comunidade educativa".
Traballo coordinado:
Despois de facer entrega das sinaturas de apoio ao decreto do galego no Rexistro Xeral de Xunta, os integrantes da Coordenadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística celebraron a súa primeira asemblea no Museo Pedagóxico de Galicia, situado en Santiago. Como a entidade a nivel autonómico se constituiu recentemente, a reunión de onte tiña como obxectivo organizar o traballo conxuntamente e presentar o seu ideario, que defende que “se garanta que o alumnado sexa competente nas dúas linguas cooficiais da comunidade ao final do ensino obrigatorio”. Tamén respaldan que haxa espazos para o uso do galego no sistema educativo, dado que o Mapa Sociolingüístico demostra que este idioma “está a perder falantes”. Na asemblea tamén se decidiu que se creará unha comisión organizativa, cun respresentante de cada coordenadora comarcal –ou un voceiro se non hai este organismo creado nalgunhas zonas– e outro voceiro dos centros relixiosos, que xa teñen o seu propio organismo. Acordaron constituir, ademais, un consello directivo que contará con oito ou dez membros. O obxectivo é coodinar as actividades e ter “unha única voz”.
Vía:Xornal de Galicia.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário