sexta-feira, 12 de junho de 2009

O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua.

O mundo universitario tampouco é alleo á derrogación do decreto. Este mesmo venres, o Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela envioulle unha carta ao presidente da Xunta para manifestarlle a súa fonda preocupación “polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta” referentes á lingua galega.

O texto, aprobado por unanimidade, é abertamente crítico coa actitude do Goberno que “sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun grave proceso de retroceso social”. O profesorado de Filoloxía Galega cuestiona a enquisa que prepara a Consellaría de Educación.

A carta insta ao presidente do Goberno a que, cumprindo a lexislación vixente, tome medidas que “aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de xeito que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004”.

Segundo puido saber Vieiros, os departamentos das outras dúas universidades do país preparan textos similares aos asinados polos seus compañeiros de Compostela que se darán a coñecer a vindeira semana.


Ofrecémoslle o texto íntegro aprobado polo Departamento de Filoloxía Galega da USC:

O Consello de Departamento de Filoloxía Galega da USC acordou, en reunión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2009 na Facultade de Filoloxía, dirixir o seguinte escrito ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, e remitir copias á Excma. Sra. Presidenta do Parlamento galego, ao Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:

O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega, e en particular polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia, encamiñadas a desprotexela na función pública e no ensino non universitario, por primeira vez desde a recuperación da democracia, a pesar de estar obrigada pola Lei de Normalización Lingüística a promover de maneira progresiva o seu uso normal de maneira específica neste ámbitos. Con estas medidas, e coas reiteradas declaracións de membros do goberno galego, estáselle transmitindo á cidadanía a idea de que a lingua galega non é nin necesaria nin útil e estanse a reforzar os vellos prexuízos lingüísticos, o que sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun proceso de grave retroceso social.

No tocante ao ensino non universitario, este Departamento considera que a Xunta de Galicia incorre nunha grave responsabilidade ao trasladarlles aos pais e nais decisións que lles corresponden aos poderes públicos, colocando a lingua galega como motivo de división social e creando un conflito que non existía ata o de agora, ademais de poñer en evidente risco o mandato tanto da Lei de Normalización Lingüística coma da Ley Orgánica de Educación de que os alumnos acaden unha competencia lingüística elevada por igual en galego e en castelán.

De acordo coa lexislación vixente, e conforme co seu carácter de lingua oficial de Galicia (xunto co castelán), instamos a que o goberno da Xunta de Galicia tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan de Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004. Animamos tamén ao goberno da Xunta a que xere un clima positivo cara á lingua galega que atenúe e desfaga os prexuízos que contra ela existen aínda na nosa sociedade, como se puxo abertamente de manifesto nos últimos meses.

A lingua galega é unha riqueza e un patrimonio de todos os galegos, calquera que sexa a lingua que falen, parte fundamental do recoñecemento de Galicia como comunidade histórica, e pode ser unha ferramenta de futuro para a nosa sociedade se queremos e sabemos utilizala e desenvolvela. É responsabilidade de todos. E, en primeiro lugar, do Goberno galego, que Vde. preside.
Vía:Vieiros.

Sem comentários: