As ANPAS de varios centros veñen de denunciar a drástica redución das subvencións concedidas pola Consellería de Educación para os ENDL. Nalgúns colexios e institutos, a diminución chega ao sesenta por cento. Este é o caso, por exemplo, do Instituto de Coroso, que o pasado curso recibía 2.500 euros e neste ano tan só lle foron asignados 816. A mesma contía recibiu o IES Leliadoura, que o pasado ano contou cunha axuda de 1.635 euros.
Con esta redución, que no conxunto da comarca chega ao 35 por cento, moitos proxectos que estaban en marcha e funcionaban correctamente sufriron unha paralización e houbo que priorizar unhas actividades sobre outras ante a imposibilidade económica de levalas a cabo.
Menos recursos
Os recortes nas axudas aos equipos de normalización lingüística súmanse á diminución de recursos noutras áreas educativas que inciden directamente na calidade da formación dos nenos.
En materia lingüística reducíronse os programas de intercambio para estudar idiomas no estranxeiro. Pero isto non é o máis grave, xa que dende as asociacións de pais sospeitan que os recortes afectarán mesmo á contratación de profesores, chegando a ter que suprimir algunhas materias.
Revisión
As ANPAS dos colexios de Carreira, Frións, Olveira, O Grupo, Aguiño e os Institutos Número 1 e Leliadoura non quedarán de brazos cruzados ante a merma que se está a producir na calidade do ensino público. De momento, xa remitiron un escrito á Consellaría de Educación solicitando a revisión das axudas e dotación do persoal dos centros.
Así mesmo, levarán este problemas ás confederacións de ANPAS a nivel provincial e autonómico para tratar uns recortes que supoñen unha media dun vinte por cento en toda Galicia.
Fonte: Canal Rías Baixas.
Máis, na Voz.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário