domingo, 15 de novembro de 2009
Preocupación ante a parálise dos proxectos de fomento do uso da lingua galega nos centros educativos
A Secretaría Xeral de Polìtica Lingüística retrasa a convocatoria de axudas para o curso 2009-2010 ata o vindeiro ano prexudicando seriamente o desenvolvemento das actividades de sensiblización, dinamización e capacitación lingüística no ensino
A Coordinadora Galega de ENDL quere mostrar a preocupación e o malestar que están a expresar os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ante o retraso da convocatoria anual dos Proxectos de Fomento do Uso do Galego nos centros de ensino público e privado.
Precisamente no momento en que os diferentes departamentos didácticos están a elaborar as programacións didácticas que planifican o traballo de todo o curso, a CGENDL constata que desde a DXPL non se van convocar en tempo e forma (a comezos de setembro, como se fixera no curso pasado) as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino. A súa demora imposibilita a organización de actividades encamiñadas a poñer en valor a lingua galega entre a comunidade educativa así como, especialmente, a desenvolver as capacidades lingüísticas do alumnado.
A organización de ligas de debate, de cursos de expresión oral, de grupos de teatro escolar, de certames artísticos, a publicación de revistas e xornais, a realización de programas de radio e televisión, a formación nas novas tecnoloxías, etc. promoven o traballo das habilidades lingüísticas dun modo lúdico e global redundando na mellora de todas as materias e, polo tanto, da calidade do ensino e da formación do noso alumnado. Desde sempre, os ENDL teñen un papel destacado na programación extraescolar e cultural dos centros educativos polo que a interrupción deste labor tamén afectaría negativamente á súa proxección pública e á súa implicación coas familias e o seu contorno máis inmediato.
Esta situación de parálise suporía un retroceso nas políticas de apoio da administración aos ENDL logo de que en anos anteriores se solventasen por primeira vez moitos dos problemas que obstaculizaban o seu labor (convocatorias desaxustadas cos cursos académicos, falta de directrices de traballo para os equipos, etc.). Esta interrupción dunha dinámica de apoio á dinamización lingüística nos centros educativos conduce á desorientación e ao desánimo de todos os que conforman os equipos: aos centos de docentes, membros do persoal administrativo e, sobre todo, de rapaces e rapazas, principais realizadores e receptores das nosas actividades.
Por todo isto, a Coordinadora Galega de ENDL animará aos ENDL a enviar cartas dirixidas ao Conselleiro de Educación para lle requerir que axilice os prazos dunha convocatoria fundamental para realizar o seu labor nos centros públicos e privados de toda Galicia.
Carta ao Conselleiro de Educación-PDF
Vía:Coordinadora Galega de ENDL
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário