sexta-feira, 30 de outubro de 2009
A Coordinadora Galega de ENDL denuncia o recorte dos recursos destinados ao fomento da lingua galega nos centros de ensino
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) denuncia o recorte drástico das partidas destinadas ao fomento do uso da lingua galega no ensino non universitario no borrador de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2010. A CGENDL considera que a redución dun 20% nos proxectos de dinamización e normalización lingüística pon en perigo o desenvolvemento de actividades que teñen como obxectivo desenvolver a competencia lingüística do alumnado e valorar o idioma entre a comunidade e afectará negativamente á proxección pública dos centros escolares e á súa programación extraescolar e cultural.
De se aprobaren estes orzamentos, as programacións desenvolvidas ao longo do curso polos ENDL en colexios e institutos veranse fortemente resentidas e este recorte obrigará á supresión de actividades como a edición de xornais escolares, cursos de alfabetización nas novas tecnoloxías e nos medios audiovisuais, obradoiros de teatro e expresión oral, proxectos de dinamización da lingua no eido local, programas educativos interescolares, etc. Estas iniciativas procuran a mellora das diferentes destrezas lingüísticas do alumnado e mesmo do profesorado e as familias.
A CGENDL sinala que esta medida se suma a outras igualmente preocupantes:
1. o retraso da convocatoria anual das axudas ao fomento do idioma no ensino, que ao se adiar ata xaneiro, no canto de setembro, paralizan de facto a actividade dos equipos.
2. a supresión dos seminarios de formación en dinamización lingüística orientados ao persoal docente, que estiveron cubrindo nos últimos anos a demanda de formación dos profesionais do ámbito.
Na opinión da CGENDL, estas decisións interrompen unha dinámica de apoio á dinamización lingüística nos centros educativos, feito que prexudica a formación do alumnado, destinatario principal das actividades que realizan os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
Reaccións desde O Castelo da Lúa
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário