quinta-feira, 8 de outubro de 2009

Mobilización cidadá ante as agresións á lingua

O desmantelamento en materia lingüística e os conseguintes recortes nos nosos dereitos producidos tras o cambio de goberno na Xunta motivaron a creación de diferentes e complementarias plataformas cidadás a prol da defensa e promoción da lingua galega. É o caso de Queremos Galego, constituída por múltiples entidades sociais e persoas a título persoal, e que parte destas tres premisas básicas:
  • a lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas deben protexela e promocionala
  • a normalización lingüística debe ser progresiva, polo que as institucións públicas non deben desprotexer o galego nin reducir a súa presenza
  • os acordos asinados por unanimidade só poden ser substituídos por acordos nos que a unanimidade siga sendo o criterio; neste sentido, logrouse no seu momento un consenso decisivo que está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado no Parlamento en 2004, e na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001

Esta plataforma convoca unha manifestación para o vindeiro domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela.

Recentemente presentouse Prolingua, que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación. Esixe, ademais, que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística e que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega. Velaquí a súa presentación:



Desde Prolingua podemos acceder tamén a un conxunto de artigos e entrevistas na prensa moi recomendábeis.
Así mesmo, achegan opinións e creacións de interese para comprender a situación actual e esta mobilización cidadá cada vez máis ampla blogues como Falantes ou Galego. Patrimonio da humanidade.

Sem comentários: