A marcha e concerto do Correlingua do Barbanza, o punto culminante dun proceso sociocreativo coa lingua, non puido contar -por mor do tempo chuvioso- máis que co alumnado de Secundaria. Así e todo, en Rianxo viviuse a festa do galego.
Da Biblio Fernando Blanco
O Diario de Arousa recolleuno así:
Estivo a piques de non celebrarse por mor da adversa meteoroloxía, pero ao final o Correlingua do Barbanza en Rianxo desenvolveuse o programa previsto unicamente para os arredor de oitocentos alumnos dos centros de Educación Secundaria da comarca. A forza do amor polo galego ou o feito de que o galego sexa a forza do noso amor fixo que os escolares saíran a correr -ou camiñar- polas rúas rianxeiras máis senlleiras, nalgunhas das cales se sitúan as casas de escritores ilustres como Castelao, Rafael Dieste ou Manuel Antonio ou que levan o seu nome.
Botouse en falta a implicación e a nota de cor que sempre lle dan os máis cativos a este tipo de festas, neste caso a prol da defensa da lingua, cos traballos, murais, pancartas e debuxos que fan nas xornadas previas e que exhiben con orgullo durante a carreira e tamén mentres presencian as diversas actuacións. Pero, foron os directores e mestres dos centro de Educación Infantil e Primaria os que decidiron que, finalmente, os 2.100 nenos dos seus centros non saíran cara a praza Castelao.
Minutos antes de iniciarse a carreira de dous kilómetros desde a dita praza cara á de Rafael Dieste, Tanxil, Xogo dos Bolos, Fincheira, Arcos Moldes e Rosalía de Castro e regreso ao punto de partida polo Campo de Arriba, caeu un chuvieiro. Os rapaces e mestres buscaron onde refuxiarse, aínda que non había moito espazo para iso. Foi entón, cando un hostaleiro despregou a carpa da súa terraza para permitir que moitos deles non se mollasen.
Durante a hora e media seguinte asistiron nun principio á actuación dos reguefeiros Pinto e Caruncho, que non deixaron títere con cabeza meténdose primeiro entre eles e logo con todo aquel que estaba pola Praza de Castelao. De feito, a un dos alumnos sacoulle parecido co presidente norteamericano, Barak Obama, máis que nada pola cor da pel.
Entre medias, Lidia González, María Losada e Carlos Pérez, alumnos do instituto anfitrión, o Félix Muriel de Rianxo, encargáronse de ler un manifesto en defensa a lingua galega en nome do “equipo do Correlingua” cunha mensaxe moi dura cara aos lexisladores, como que pretenden facernos regresar á Ditadura. Non faltaron ás críticas ao presidente da Xunta, que “co seu decretazo pretende facernos memos vendéndonos trilingüismo para evitar o galego”. Engadiron que “o xogo non será nada fácil, os adversarios son traidores, pero temos xuventude, somos moitos, somos fortes, xogamos no noso campo e temos como adestradores a Pondal, a Rosalía, a Daniel e Airas Nunes”.
Imaxes, na Tabarra Dixital.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário