sábado, 22 de maio de 2010

Desequilibrio e agresión


Máis respostas á aprobación do Decreto do Plurilingüismo.

A Coordinadora Galega de ENDL entende que este novo regulamento acentúa o desequilibrio entre as linguas oficiais, propiciará a inmersión en castelán en infantil e non garante que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.
Non é certo que exista equilibrio entre galego e castelán, idea coa que o goberno pretende vender o novo texto lexislativo. O galego, lingua propia de Galicia e necesitada de protección, queda nunha situación moi inferior ao castelán no ensino. As razóns son varias, destacando tres principais:
  • en realidade hai máis materias marcadas como obrigatorias en castelán ca en galego. Por exemplo, en 3º da ESO falamos de 8 horas semanais de materias que se deben impartir obrigatoriamente en castelán: Matemáticas (4h), Física e Química (2h) e Tecnoloxías (2h); fronte ás 5 horas en galego: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia (3h) e Bioloxía e Xeoloxía (2h). No resto das materias, é imposible chegar ao 50% do ensino en lingua galega porque non existen materiais de todo tipo editados nesta lingua para poder traballar nas aulas, escenario que se reproduce en todas as etapas educativas.
  • a consulta ás familias, que agora se publicita como “pregunta vinculante”, en Infantil propiciará a inmersión en castelán pois, como sinalan os últimos estudos, o galego xa non é a lingua maioritaria nas franxas de idade máis novas. O novo decreto non contempla ningún tipo de medidas tendentes a sentar as bases da adquisición da lingua non predominante na aula.
  • como persoal docente que somos os membros dos equipos de normalización e dinamización lingüística, e polo tanto coñecedores da realidade sociolingüística dos centros de ensino, consideramos un síntoma moi significativo do afastada que está a Consellería de Educación desa realidade o feito de que se pretenda mudar o noso nome por Equipos de dinamización, como se xa non fose preciso "normalizar" unha lingua coma o galego nos centros escolares, lingua que 27 anos despois de aprobada a Lei de Normalización Lingüística está moi lonxe de acadar unha situación normal na nosa sociedade.
Desde a coordinadora de ENDL pretendemos que o alumnado, o profesorado, as nais e os pais e o resto da sociedade teña competencia tamén en lingua galega, por iso somos conscientes da necesidade de apoio que precisa o galego en todos o ámbitos en xeral e, moi especialmente, no ensino.

Para Prolingua, consúmase a agresión teimosamente preparada contra a lingua galega no ámbito educativo, a peor desde o franquismo, medida que evidencia a vontade de desfacer os tímidos avances normalizadores do período constitucional.

Pola súa parte, as ANPAs dos centros públicos advirten de que a nova norma sería anticonstitucional, pois a Constitución deixa ben claro que a consulta ás familias é totalmente inviable. Ademais, a súa aprobación dificultará a garantía da competencia do alumnado en ambas as linguas oficiais e piden que se suprima que os alumnos poidan contestar no idioma que queiran durante as clases.

Sem comentários: