quinta-feira, 20 de maio de 2010

A cidadanía burlada e a Lei de Normalización ameazada

O Consello da Xunta aprobou o Decreto de Plurilingüismo tres día despois da macromanifestación a prol da lingua, tras xogar cun pacto imposíbel, sen facer público o texto definitivo e advertindo de que mutilará a Lei de Normalización Lingüística.
A versión oficial, obscena.

Ante isto, Queremos Galego considera que a Xunta actúa con prepotencia na súa imposición unilateral do Decretazo e lamenta que Núñez Feijóo se manteña sen escoitar o clamor social contra a súa política galegófoba. "Debería escoitar os sindicatos, as asociacións de nais e pais, as organizacións estudantís, o Consello da Cultura, a Real Academia Galega e o Consello Consultivo”, subliñan, pois “esta política de ataques contra o galego e de confrontación social non pode levar a nada bo para ninguén”.
Desde Queremos Galego sinalan que as liñas xerais sinaladas esta mañá polo presidente da Xunta para o decretazo “conculcan a Constitución, o Estatuto, a Carta europea das linguas e a Lei de normalización lingüística”. “Se alguén o dubida, só ten que ler o informe elaborado polo Consello Consultivo, que desautoriza punto por punto todos os piares do decretazo contra o galego”, observan.
Como exemplo, na plataforma citan un fragmento do relatorio xurídico onde o Consultivo lembra que “a acción normalizadora da lingua propia ten que implicar, necesariamente, a adopción de accións e medidas de apoio singularizado ou reforzado para garantir a subsistencia e desenvolvemento desta lingua”, algo do que “carece totalmente o decretazo contra o galego”.

A Mesa, pola súa parte, tamén lamenta que o PP queira mudar unilateralmente a Lei de normalización lingüística e lembra que o decretazo presentado hoxe conculca a Constitución e o Estatuto.
A Mesa considera “moi preocupante” que o presidente da Xunta, “en lugar de avanzar no camiño do diálogo e do consenso, botase esta mañá aínda máis leña ao lume, propondo a aprobación unilateral dunha nova norma que derrogue o estabelecido na Lei de normalización lingüística sobre promoción do galego no ensino”. O presidente da entidade advirte de que “derrogar a Lei de normalización, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento en 1983, significaría romper un dos piares da Autonomía”.
Carlos Callón considera “máis que lamentábel” que o presidente da Xunta “continúe na tónica de mentir e crispar”. “Calquera persoa que lea o informe do Consello Consultivo verá que non só rexeita a pseudoconsulta en infantil, senón que bota por terra todos e cada un dos alicerces do decretazo” e avalía que “as liñas xerais que presentou hoxe o presidente da Xunta conculcan a Constitución e o Estatuto, porque con esa formulación é inviábel garantir que os rapaces e as rapazas finalicen cada etapa educativa con destrezas comunicativas tamén en galego”.
O presidente da Mesa tamén sinalou que “aínda que o decretazo fala dun 50% de materias sinaladas para impartir en castelán e 50% para impartir en galego, a verdade é que o peso horario desas materias en español é superior, polo que non hai equilibrio nin desde ese punto de vista”. Ademais, lembrou que “Galiza é a única comunidade do Estado español na que se quere prohibir por decreto que se poidan impartir algunhas materias na lingua propia, algo que non acontece nin tan sequera noutros lugares onde goberna o PP”.
“O PP quere ignorar o demoledor informe do Consello Consultivo en aspectos centrais, como a obriga constitucional e estatutaria de promover a lingua propia, polo que este decretazo nace xuridicamente morto”, conclúe.

Sem comentários: