quinta-feira, 13 de maio de 2010

O Consello Consultivo observa dúbidas de legalidade no Decreto "do Plurilingüismo"


O ditame do Consello Consultivo sobre o decreto do plurilingüismo no ensino, que a Xunta pretende que entre en vigor o próximo curso 2010-2011, observa 'dúbidas de legalidade' e chega a expor puntos de posíbel 'ilegalidade' en que, a través de consultas, se lle traslade aos pais a potestade de elixir a lingua en que se imparten determinadas materias.

Segundo informaron a Europa Press fontes coñecedoras do ditame, o documento elaborado polo Consultivo está formado por "dúas partes", unha delas "bastante dura" que se refire a aspectos de "ilegalidade" e unha segunda parte na que se indican "algúns elementos de reforma a considerar" e que achega suxestións que pretenden mellorar o texto, pero moitas están centradas en cuestións menores.

Segundo as fontes consultadas sobre o ditame, que o órgano consultivo lle remitiu onte á Xunta, o seu pronunciamiento é "duro" respecto da consulta vinculante aos pais, que poderían cambiar a asignación lingüística estabelecida por decreto a condición de que o decidisen a metade máis un do censo de familias con alumnos en idade escolar.

Pola súa banda, o ditame inclúe dous votos particulares, un dos cales se pronuncia a favor da legalidade do decreto e outro que vai máis aló das críticas do propio texto e que reproba o precepto de que os alumnos poderán expresarse na lingua da súa preferencia no aula. Este aspecto foi un dos que xerou polémica sobre o proxecto de decreto presentado pola Xunta.

Elección das familias

A primeira parte do texto incide "na capacidade de elección por parte dos pais" e considera "que non se pode trasladar esa responsabilidade" ás familias, "nin delegar" cuestións que afectan a servizos básicos como "o dereito á educación", polo que advirte aspectos de "ilegalidade".

Precisamente, o borrador de decreto prevé que a Xunta realizará cada catro anos unha consulta ás familias dos alumnos que cursan primaria e secundaria, a través da cal poderán opinar sobre a asignación lingüística establecida pola norma para as materias troncais, co que poderían modificar a atribución no caso de que o decida "a maioría" do total de pais.

A Consellaría non atende a razóns

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, ratificou que a Xunta mantén 'o mesmo calendario' para o decreto do galego, de forma que entrará en vigor o próximo curso 2010-2011, aínda que analiza elementos 'susceptíbeis' de incorporar do ditame do Consello Consultivo.

Lorenzo indicou que avalían "a recomendacións e observacións" do Consello Consultivo "para incorporalas ou telas en conta na redacción do decreto do plurilingüismo que publicará o Goberno". No entanto, descartou que o pronunciamento do órgano consultivo de Galiza provoque algún atraso no decreto e ratificouse en que estará "vixente en setembro".

En calquera caso, Lorenzo aprazou calquera pronunciamento porque a Xunta adoptará unha decisión "nos próximos días" e evitou avaliar os puntos de ilegalidade aos que alude o ditame do citado órgano. En todo caso, afirmou que "é unha valoración por parte do Consello Consultivo que está para iso, para facer unha valoración xurídica".


Fonte
Máis información, na páxina da CTNL.

Sem comentários: