sábado, 2 de maio de 2009

O idioma ping-pong.



Feijóo di agora que estudará se será preciso "reformar" o decreto do galego no ensino, no que xustifica como "prudencia e seguridade xurídica" antes de "pactar" a futura ordenanza .
Nun xiro inesperado ao seu "bilingüismo amable", o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo di agora que estudará se será preciso "reformar" o decreto do galego no ensino antes de emitir ningunha circular que contradiga os principios do decreto. "A prudencia e a seguridade xurídica aconsellan que para dar esa circular con carácter amplo sería necesaria a modificación do decreto", afirmou onte. ­Dous días antes, Feijóo manifestaba en declaracións á Cope que os opositores á Xunta poderían elixir entre galego e castelán para examinarse.
Porén, os tempos legais non permitirán que nas oposicións que se convoquen de aquí ó verán poidan elixir ó seu xuízo entre galego e castelán. Así o ad­virten fontes xurídicas e par­lamentarias consultadas por este diario, que recordan que a obri­gatoriedade de realizar polo menos unha das probas en galego recóllese na reforma da Lei de función pública de Gali­cia, aprobada en 2008.
Aínda que o novo Executivo se limitase a modificar o artigo que inclúe esta obrigatoriedade, o 35, os tempos e requisitos lexislativos farían case impo­sible, segundo fontes parlamen­taria, unha nova modificación antes de que finalice o período de sesións na Cámara gale­ga, a finais de xuño, e conver­ten en totalmente improbable unha reforma legal en só cues­tión de días ou semanas, a marxe necesaria para que afectase á orde das oposicións de mestres, que se espera que se celebren, como sempre, en xuño.
A Dirección Xeral de Función Pública non poderá tomar cartas no asunto pola súa conta. "Dar instrucións aos tribunais das oposicións para que se faci­liten os exames nas dúas linguas estaría violando a lei; e se alguén quisexe denuncialo, estaría poñendo os funcionarios nunha tesitura complicada. É como se lle dis a un garda civil que non faga nada cando atopa un con­dutor bébedo", compara Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da Universi­dade de Santiago.
A Xunta debe presentar pri­mero un proxecto de lei. Se este se sometese a consulta do Conse­llo Consultivo, como adoita ser ha­bitual, habería que esperar a que estea listo o seu ditame, antes de iniciar a tramitación parlamen­taria, que podería durar uns tres meses se a tramitación é moi rápida, engade as fontes parla­mentarias.
Para o deputado socialista José Manuel Lage, as palabras de Feijóo sobre o idioma nas oposicións constitúen "mani­festacións alegres pouco medita­das". "Parece que o seu guía espi­ritual está máis en Madrid que na realidade galega", valora o deputado, que critica que a Xunta "xogue" cos intereses das persoas pendentes de presen­tarse ás oposicións.
Os tempos normativos tam­pouco xogan a favor para que a modificación do decreto do ga­lego nas aulas estea listo para o curso que vén. O presidente engadiu que quere acordar o borrador do novo decreto, o que su­pón ­unha negociación con di­ferentes colectivos que a prio­ri non parece posible resolver en oito semanas.

Sem comentários: